BAIXO O PANTANO, de Ángela Curro (Demo): a emocionante presentación dunha nova autora.


Baixo o Pantano Portada

Coa publicación de Baixo o pantano dámoslle a benvida a Ángela Curro, unha nova autora pero non precisamente unha debutante. Formada academicamente na escola Antonio Faílde de Ourense e na Facultade pontevedresa de Belas Artes esta ilustradora e historietista acada finalmente editar unha obra longa como froito do seu talento e máis da súa perseverancia, tras varias colaboracións en distintas publicacións e unha escolma de historias curtas autoeditada (8 mentiras superreales).

E faino achegándonos un relato que mestura a ciencia-ficción e o thriller e que dá comezo nunha Galicia futura onde as viaxes no tempo están comercializadas e tan a man como calquera outra oferta de lecer. Sonia, a protagonista, decide facer uso delas e retroceder ata o ano 2020 coa intención de atopar respostas a varias dúbidas que se lle presentan sobre a orixe da súa avoa e da súa familia.


Baixo o Pantano 01


Con estes ingredientes Ángela plantexa un atractivo cóctel de intrigas e misterios, apoiado nun estilo gráfico solvente e solto onde se apreza a experiencia da autora e tamén os seus gustos, xa que é unha fan recoñecida do xénero negro e das historias con toques freudianos e tensión psicolóxica. Como ela mesma dixo nunha entrevista interésalle desenvolver relatos protagonizados por “personaxes adorables con mentes trastornadas”, procurando así a sorpresa do lector ou lectora.



Baixo o Pantano 09


E abofé que o consegue, xa que na súa viaxe ao pasado Sonia chega a unha vila que está a celebrar as festas en honra á súa herdanza romana e onde non todo é tan bonito como semella a primeira vista, atopando novas interrogantes que van manter a nosa atención no libro ata o seu final.



Baixo o Pantano 01


Así pois aquí vos deixamos esta proposta da man desta prometedora artista, aproveitamos para vos anunciar a súa visita a Komic Librería, o vindeiro venres 10 de xuño, para asinar exemplares desta banda deseñada, agardámosvos!!!