EN CAMINO, de José Ángel Ares e Paco Hernández

EN CAMINO, de José Ángel Ares y Paco Hernández (La Cúpula)


Malia o enorme rebumbio mediático e publicitario que dende hai anos rodea o Camiño de Santiago e as incontables obras literarias e ensaísticas que tratan sobre el pouco se tocara este tema na banda deseñada, máis aló de esporádicas e anecdóticas aparicións do camiño ou da catedral e do relato autobiográfico de Jason Un noruego en el Camino de Santiago (Astiberri, 2017), no cal levou ás viñetas a súa propia peregrinación a Compostela.

A esta bagaxe sorprendentemente escasa engádese agora En camino, o álbum escrito por Paco Hernández e debuxado por José Ángel Ares que vén de publicar La Cúpula. Unha novela gráfica que afonda no camiño como vía de autocoñecemento, o camiño como metáfora da vida.

EN CAMINO, de José Ángel Ares y Paco Hernández (La Cúpula)

Nas súas páxinas imos acompañar a Emma, unha autora de banda deseñada duns trinta anos que se atopa nun intre vital complicado e cheo de mudanzas e dúbidas, na súa viaxe cara Compostela.  Toma a decisión de facelo nunha arroutada, sen pensalo moito nin prepararse previamente, pero xa dende o seu primeiro día no camiño, en Roncesvalles, coñecerá xente que a axudará e ela mesma comezará a ser consciente de todo o que agocha algo tan aparentemente sinxelo como camiñar.

Cunha coidada planificación os autores intercalan as experiencias de Emma con diversos flashbacks do seu pasado que nos amosan como chegou á decisión de lanzarse a percorrer os oitocentos quilómetros que a separan de Santiago. Ademais das obrigadas referencias aos lugares polos que circula o camiño francés Paco e José Ángel teñen o detalle de incluír referencias á historia moderna da ruta, a algunhas das súas tradicións e tamén consellos para peregrinos que demostran unha evidente experiencia propia pola súa parte.

EN CAMINO, de José Ángel Ares y Paco Hernández (La Cúpula)

O resultado final é unha lectura áxil e fluída, cun estupendo traballo gráfico limpo e versátil, axeitada para todo tipo de públicos, onde aquelas persoas que teñan feito o camiño atoparán reflectidas moitas das súas vivencias e as que descoñezan esta experiencia poderánse achegar ata ela dun xeito próximo e realista. 

José Ángel Ares e Paco Hernández, que xa colaboraran xuntos en Rosa y Javier (De Ponent, 2013), acadan, pois, contarnos unha historia de superación cuns personaxes ben construídos ao tempo que fan unha homenaxe a unha maneira de facer o camiño que ás veces semella estar soterrada baixo a masificación e o mercantilismo que a ruta sufriu nestas últimas tres décadas pero que non deixa de ser a súa esencia máis relevante. 

EN CAMINO, de José Ángel Ares y Paco Hernández (La Cúpula)

Animámosvos, pois, a que vos poñades unhas botas cómodas para abrir este libro e acompañar a Emma na súa viaxe ata Compostela.  De seguro que non vos arrepentiredes!!!  



En Camino
José Ángel Ares e Paco Hernández

Ediciones La Cúpula
Tomos: 1