Bo tempo, de Alberto Díaz: a esencia dun artista pioneiro

Bo tempo


O vindeiro venres 28 de maio teremos o pracer de contar en Komic Librería coa presenza de Alberto Díaz, «Pelorroto», que adicará exemplares da súa obra Bo tempo, a biografía gráfica de Reimundo Patiño. Como podedes imaxinar estamos moi felices por ir recuperando aos poucos as nosas habituais sesións de sinaturas, e máis cando se trata dun título tan recomendable coma este, onde Alberto realiza un agarimoso acto de homenaxe e xusta reivindicación..

Moitas son as circunstancias que conflúen no álbum sobre o cal falamos hoxe, Bo tempo, onde o ilustrador e historietista madrileño Alberto Díaz tenta plasmar a esencia dunha figura salientable da nosa cultura: Reimundo Patiño. Alguén tan interesante como, se cadra, pouco coñecido e quen en moitas ocasións é considerado unicamente polo seu traballo artístico como pintor.

Cun agarimo e un acerto notables, Alberto amosa nesta novela gráfica que foi moito máis que iso: alén da súa arte cómpre salientar o seu fondo compromiso político e social, que o levou a formar parte de iniciativas como o grupo Brais Pinto ou a fundación da UPG, e tamén a súa inquedanza por crear un corpus teórico arredor da arte en xeral e da identidade galega en particular. E, por suposto, non podemos esquecer que Patiño foi tamén autor —xunto a Xaquín Marín— da considerada primeira bd galega, 2 viaxes, editada no ano 1975. Por todo isto Bo tempo, ademais de ser unha biografía moi ben contada, posúe un aquel de homenaxe reivindicativa.

Bo tempo

No xeito que ten o autor de levar ás viñetas a vida deste persoeiro resulta especialmente relevante o feito de que o coñecera e tratara na súa nenez, xa que un dos seus tíos foi un bo amigo do artista coruñés, e, como podedes imaxinar, isto repercute na biografía, salferida dunha agradable proximidade.

Iso si, xa vos avisamos que non estamos perante unha biografía lineal ou pormenorizada, senón máis ben ante un mosaico de anécdotas, un collage de momentos e texturas, como se este libro fose un cadro do propio Reimundo, malia que o estilo de Alberto —claro, limpo e dinámico— sexa a antítese do caótico horror vacui que adoita ser característico na pintura de Patiño (algo que, por certo, podemos aprezar coa inserción dalgúns dos seus cadros dentro das páxinas de Bo tempo).

Así pois, e como diciamos ao comezo, atopámonos nunha agradecida encrucillada de camiños, xa que para a aparición desta obra non só foi fundamental a confluencia entre Alberto Díaz e Reimundo Patiño, senón tamén a de Alberto con Manel Cráneo, un dos nomes propios da bd galega como autor e como editor a través de Demo Editorial.

Recomendámosvos, xa que logo, este título, perfecto para celebrar ou descubrir a un personaxe tan interesante como Patiño e a un autor como Alberto Díaz que, repetimos, estará en Komic Librería este venres 28 de maio a partires das 18 horas. Agardámosvos!


Bo tempo

Bo tempo
Alberto Díaz

Demo Editorial
Tomos: 1