Coraçom de terra, de Xico Paradelo, Irene Veiga e Iván Suárez: o roteiro de Ricardo Carvalho Calero, unha figura esencial da nosa cultura e do noso idioma

Coraçom de terra


Cada ano, dende 1963, ao se achegar o día no que celebramos a nosa lingua e a nosa literatura, florecen distintos proxectos e iniciativas para recoñecer e divulgar a vida e obra do autor ou autora homenaxeada. E entre aqueles que apareceron o ano pasado arredor da figura de Carvalho Calero foi especialmente rechamante a novela gráfica da que hoxe vos falamos, Coraçom de terra. A chegada da pandemia que mudou a nosa vida cotiá afectou tamén a esta celebración e desluciu, en certo xeito, unha xornada que moitas persoas agardaban dende había bastante tempo. Boa mostra disto é que vos esteamos a falar dela case un ano despois da súa publicación.

Coraçom de terra

E é que a figura deste intelectual ferrolán estivo, mesmo dende antes do seu pasamento no ano 1990, enleada nunha certa polémica por ser un dos grandes teóricos e defensores do reintegracionismo lingüístico. Polémica en boa parte alimentada polo inmobilismo académico e por presións políticas que mantiveron durante anos a obra de Carvalho Calero nun inxusto ostracismo, algo do que non eran merecentes o seu labor como filólogo e como historiador da literatura ou o seu talento como narrador e poeta.

Coraçom de terra

Por isto a chegada de Coraçom de terra tivo tamén moito de xustiza e o excelente traballo dos seus autores fica xa como unha agarimosa homenaxe e achegamento á súa traxectoria vital. E iso que semella tarefa case imposible contar tanto en pouco máis de cento trinta páxinas, e facelo dun xeito fluído e accesible. Cunha abondosa documentación, condimentada con ilusións, chiscadelas (literarias e mesmo comiqueiras) e reivindicación, Irene Veiga e Xico Paradelo (un histórico da bd galega) artellan un relato que comeza cunha ucronía para despois narrar cronoloxicamente os feitos máis salientables da vida de Carvalho Calero: a súa nenez ferrolá, os estudos universitarios en Compostela, a Guerra Civil e a posterior represión por formar parte do bando republicano, o seu "exilio" como mestre no colexio Fingoi de Lugo e os seus anos como catedrático na Universidade compostelá. Vivencias nas que, por suposto, aparecen moitos dos persoeiros fundamentais da cultura galega do século XX, encontros e desencontros que marcaron os pasos e as conviccións deste home.

Coraçom de terra

Esta narración atopa no debuxo amable e coidado do noso aprezado Iván Suárez unha vía perfecta para ser plasmada nas viñetas e o seu estilo, como xa amosara nos catro volumes da colección sobre Castelao, aporta unha claridade necesaria e agradecida neste libro coeditado por Demo Editorial e Através que hoxe vos presentamos e que vos convidamos a coñecer.


Coraçom de terra

Coraçom de terra
Xico Paradelo / Irene Veiga / Iván Suárez

Demo Editorial / Através
Tomos: 1