El humano, de Diego Agrimbau e Lucas Varela: unha interesantísima reflexión sobre o posible futuro da humanidade e do planeta

Komic Librería: El humano


Un obxecto voador descoñecido atravesa a atmósfera dun planeta poboado por unha fauna e unha flora exóticas pero ata certo punto familiares. Tralo seu impacto descubrimos que se trata dalgún tipo de vehículo ou satélite espacial tripulado por Alpha, unha androide que aterra nese mundo sen saber o motivo nin —no caso de tela— a súa misión ou función alí. Varios arquivos danados na súa memoria robótica impídenlle mesmo lembrar o seu propio nome. E mentras trata de atopar respostas ás súas dúbidas e preguntas interiores é rodeada por un numeroso grupo de homínidos que non semellan especialmente amigables… Deste xeito tan espectacular ábrese El humano, a agardada nova obra de dous autores tan interesantes como son os arxentinos Diego Agrimbau e Lucas Varela.

Komic Librería: El humano

Non vos descubrimos nada se comentamos a enorme tradición que ten a banda deseñada no país sudamericano, cun ronsel de historietistas e obras realmente salientables entre as que, curiosamente, sobresaen varios títulos capitais da ciencia-ficción, o xénero no que enmarcan o seu relato o dúo do que hoxe vos falamos. Tanto de Agrimbau como de Varela podemos dicir que xa hai anos que os tiñamos en boa consideración, ao primeiro tomámoslle a matrícula con varios álbumes hoxe descatalogados, como El muertero Zabaleta ou, especialmente, os dous volumes de Último Sur (o excelente La burbuja de Bertold e El gran lienzo), e o segundo sorprendeunos a comezos desta década co divertidísimo e irónico Paolo Pinocchio e confirmounos o seu talento con El día más largo del futuro. Porén, El humano non é a súa primeira colaboración, xa que en 2016 uniron as súas forzas nunha auténtica rara avis que marabillou á crítica: Diagnósticos, onde espremendo ao máximo os recursos expresivos do cómic falaban de seis desordes psicolóxicos pouco correntes.

Komic Librería: El humano

Con estes currículos non é de estrañar que agardasemos con moitas ganas este novo traballo conxunto, e debemos dicir que a primeira lectura de El humano déixanos cun agradable e satisfactorio regusto no padal. Como diciamos ao comezo a historia desta bd englóbase dentro da chamada ficción científica, pero debemos puntualizar o seu carácter humanista ou existencialista, xa que Agrimbau e Varela exploran distintas respostas, todas moi propias do ser humano, ante unha situación límite. Nesta reflexión sobre a condición humana e o noso destino como especie seméllanos moi interesante tamén o tratamento que lle dan á intelixencia artificial e á súa relación con nós, algo que é parte central do relato e que o que entronca con outra das grandes obras recentes deste xénero como é Descender, de Jeff Lemire e Dustin Nguyen.

Komic Librería: El humano

El humano é tamén unha narración tremendamente actual, pois o que trata ten moito que ver co futuro do planeta e da humanidade, xusto nun intre no que somos máis conscientes ca nunca da limitación dos recursos da Terra e o nocivas que son moitas das nosas actividades para o medio ambiente. Así pois atopamos nas súas páxinas acción, aventuras e ideas novidosas, como corresponde a unha obra desta temática, pero tamén un aquel de reflexión necesaria na que ten cabida tanto a traxedia como a esperanza.

Komic Librería: El humano

Cunha mestura de clasicismo e modernidade este libro, impecable tanto a nivel textual como gráfico, atrapounos dende a primeira páxina, polo que volo recomendamos, tanto se sodes amantes da ciencia-ficción como se non, agardando que vos guste tanto como a nós.


Komic Librería: El humano

El humano
Diego Agrimbau / Lucas Varela

Ediciones La Cúpula
Tomos: 1