En órbita con Thomas Pesquet, de Marion Montaigne: un divertidísimo paseo polo espazo acompañando a un astronauta real

En órbita con Thomas Pesquet


A obra da que hoxe vos falamos, En órbita con Thomas Pesquet, supuxo para nós unha agradable sorpresa polo tema que trata e, sobre todo, polo xeito de enfocalo que ten a súa autora.

Como o seu título indica, esta banda deseñada vainos meter na pel dun astronauta real, o francés Thomas Pesquet, a quen imos acompañar na súa experiencia asistindo ao ciclo completo: dende a súa participación nos durísimos procesos de selección, a escolla da súa candidatura, a conseguinte e longa preparación —tanto técnica como física—, a súa misión espacial de seis meses na ISS (Estación Espacial Internacional), o seu regreso á Terra e a súa readaptación á vida a ras do chan, incluíndo as consecuencias que todo isto ten no seu organismo.

En órbita con Thomas Pesquet

Non sen motivo a de astronauta é unha das profesións máis fascinantes que existen, o soño de moitos nenos e nenas dos que tan só un número minúsculo, pero moi minúsculo, poderá convertelo en realidade. Moitos vehículos e viaxes espaciais temos visto na bd a través do xénero da ciencia-ficción, ao longo da historia da novena arte atopamos unha chea de títulos interesantes, pero nunca como ata esta obra tiveramos a oportunidade de espreitar dun xeito tan minucioso e realista a incrible experiencia dun ser humano fóra da atmósfera terrestre. E moito menos dunha maneira tan divertida.

En órbita con Thomas Pesquet

Porque aínda que o que nos conta xa é dun interese superlativo e posúe un abraiante carácter divulgativo a opción elixida por Marion Montaigne para contarnos as andainas de Thomas Pesquet resulta absolutamente atractiva, mesturando ciencia e humor e facendo deste xeito que un libro de gran rigor científico e numerosos datos técnicos sexa unha lectura asequible e recomendable para todo tipo de lectores. Mesmo para aqueles que non teñen excesiva curiosidade por saber como funciona unha misión espacial.

En órbita con Thomas Pesquet

E é que esta francesa, nada en 1980, goza dunha excelente reputación no seu país de orixe como responsable do webcomic Tu mourras moins bête... (Morrerás menos parvo…), onde explora cun humor irresistible temas de divulgación científica, vulgarizándoos (no sentido máis positivo da palabra) e facéndoos accesibles para todo o mundo. Plenamente convencida de que o humor axuda ao coñecemento (asegura que retemos máis datos se nos divertimos ao descubrilos), Marion contactou con Thomas hai anos e realizou todo un seguemento das súas vivencias ao longo de case unha década, o tempo que pasou entre os seus primeiros pasos como aspirante ata a súa aterraxe tras vivir meses no espazo.

En órbita con Thomas Pesquet

O pasado de Marion como animadora no prestixioso estudo parisino de Les Gobelins (como outros moitos historietistas franceses contemporáneos), apórtalle ao seu debuxo un dinamismo excepcional que colabora na fluidez da historia e fai que a sucesión de datos e anécdotas non resulte aburrida, senón todo o contrario, ao tempo que reflicte de maneira clara todo polo que pasa o noso protagonista.

En órbita con Thomas Pesquet

E logo está, por suposto, o intelixente humor, cheo de retranca xenial, que emprega para explicar o longuísimo proceso que leva a Thomas ata a Estación Espacial Internacional e tamén, non menos importante, o que isto supón para a vida normal do astronauta e da súa familia. Polo miúdo, sen esquecer nada, sen agochar nada, sen tabúes, respondendo a tódalas preguntas que se nos poderían ocorrer de ter a oportunidade de compartir un anaco distendido con alguén que viviu algo que a meirande parte da humanidade non podemos nin imaxinar. Como se fose un riguroso documental da BBC ou de National Geographic narrado polos Monty Python.

Así pois aquí vos deixamos esta recomendación, unha unión perfecta entre divulgación científica e humor coa cal podemos aprender, descubrir e rir a cachón que, por algo será, acadou o Premio do Público no Festival de Angoulême no ano 2018.


En órbita con Thomas Pesquet

En órbita con Thomas Pesquet
Marion Montaigne

Norma Editorial
Tomos : 1