Miles en París, de Salva Rubio e Sagar: unha breve pero fermosa historia de amor que mudou a música moderna

Komic Librería: Miles en París


Que bonito é cando, ao rematar a lectura dunha obra, o primeiro que che vén á cabeza (e ao corazón) é unha inmensa sensación de agradecemento. Isto é exactamente o que nos aconteceu con Miles en París, un magnífico álbum onde conflúen o talento dos seus autores, o agarimo excepcional co cal contan esta historia e, por se fose pouco, o enorme interese do seu argumento.

Komic Librería: Miles en París

Situámosvos: estamos a finais dos anos corenta, en Nova York, e alí atopamos a Miles Davis, un noviño e prometedor trompetista de jazz coñecido pola súa seriedade e virtuosismo, cheo de soños e inquedanzas que anda á procura dun son anovador afastado do bebop predominante daquela. A súa revolucionaria concepción musical non atopa o seu lugar nin entre os seus coetáneos, nin nos diversos antros procedentes da «lei seca» onde se toca esta música, nin nun país onde aínda queda moito para superar os prexuízos raciais e que un artista sexa respectado sen importar a cor da súa pel. Nese intre o noso protagonista, xunto con outro moitos músicos, é convidado ao Festival Internacional de Jazz de París.

Komic Librería: Miles en París

A capital francesa está a vivir naqueles días unha primavera que semella eterna despois dos terribles anos da Segunda Guerra Mundial e da ocupación nazi, un tempo no que estaba prohibido todo aquilo procedente dos Estados Unidos, como por exemplo o jazz. O retorno da liberdade trae consigo toda unha explosión vital e cultural en París, algo especialmente notorio en Saint-Germain-des-Prés, o famoso barrio da Rive Gauche onde as súas «covas» funcionaban como punto de encontro da bohemia parisina.

Komic Librería: Miles en París

Se cadra, cando Miles tomou o avión que o levaría á outra beira do Atlántico non era consciente de que aquela viaxe ía cambiar a súa vida para sempre. Porque non só atopou unha cidade na que era admirado e recoñecido, ou na que tiña a posibilidade de vivir con dignidade sen ser vítima do racismo imperante no seu país de procedencia, naquela viaxe, naquela intensa semana parisina atopou, ademais, o amor. Durante os días que pasou alí viveu un intenso e apaixonado romance con Juliette Gréco, aspirante a cantante e actriz e musa dos existencialistas. Unha muller moi especial chea de magnetismo e cun carácter libertario que non se parecía a ninguén que Miles coñecera.

Komic Librería: Miles en París

Resulta difícil medila, pero é innegable a relevancia desta historia de amor tanto para Miles como para Juliette, mesmo sen coñecer moitos detalles dela. O guionista Salva Rubio atrévese a especular sobre como puideron ser eses días, mérgullanos na intimidade da parella nunha ficción histórica —coas correspondentes liberdades creativas— na que amosa a súa condición de romántico e a súa formación como historiador (algo que aprezamos na súa coidada documentación e que xa era perceptible noutros títulos anteriores como El fotógrafo de Mauthausen ou Monet). Cóntanos esta semana decisiva cun tino e unha delicadeza inmensas, amais dunha gran preocupación por ser coherente coa representación do Nova York e do París da época e dun notable amor polo jazz, algo que comparte con Sagar, o seu compañeiro de tándem creativo, que realiza o que, para nós, é o seu mellor traballo ata a data.

Komic Librería: Miles en París

Se xa nos gustara o seu debuxo en obras como Abastos, Intisar en el exilio, El síndrome de Stendhal ou Cuentas pendientes pensamos que coas páxinas de Miles en París sube un chanzo na súa carreira. O seu trazo, orgánico e visceral, e o cromatismo acertadísimo que emprega acadan recrear á perfección a atmósfera crepuscular que rodea todo o relato, ademais de servir como reforzo indispensable para o que nos transmite o texto. A estrutura das páxinas, que vai mudando segundo a escena, chega a niveis altísimos de excelencia na representación das actuacións en directo de Miles, onde se produce un auténtico estouro gráfico no que mesmo podemos sentir a música. Os numerosos «cameos» que desfilan ao longo do libro, dende outros músicos de jazz (Gil Evans, Charlie Parker, Duke Ellington, Dexter Gordon…) ata a bohemia parisina (capitaneada por Boris Vian e na que atopamos nomes tan ilustres como Sartre, Simone de Beauvoir, Giacometti, Camus ou Picasso), son retratados con precisión pola man de Sagar.

Komic Librería: Miles en París

Miles en París chega ata nós tan só unhas semanas despois da súa publicación en Francia, cun título distinto (alí apareceu como Miles et Juliette) e nunha coidadísima edición que inclúe numerosos e interesantes extras nos cales o guionista fala maís polo miúdo dos protagonistas e da época, ata ten o detalle de suxerirnos unha banda sonora para este álbum con unha peza por cada unha das 64 páxinas que o conforma.

Komic Librería: Miles en París

Para rematar debemos comentar que, malia o que pareza polo anteriormente escrito, non é preciso ser un amante ou un coñecedor do jazz para gozar con esta lectura (no que é outro máis dos moitos acertos desta obra). Unha breve pero fermosa historia de amor protagonizada por un dos nosos artistas preferidos, un dos xenios máis relevantes e influíntes da música moderna, algo que posiblemente o propio Miles tampouco sospeitaba cando hai setenta anos aterraba na Cidade da Luz.

Komic Librería: Miles en París

Así pois, como diciamos ao comezo, só nos queda agradecerlle aos responsables e aos protagonistas a estupenda experiencia que foi vivir esta mestura de imaxe, texto, música e amor: Salva, Sagar, Miles e Juliette, graciñas mil, de corazón.


Komic Librería: Miles en París

Miles en París
Salva Rubio / Sagar

Norma Editorial
Tomos: 1