El beso número 8, de Colleen AF Venable e Ellen T. Crenshaw: montaña rusa emocional adolescente

El beso número 8


Dentro das obras que chegaron nestes últimos meses ambientadas en institutos de secundaria estadounidenses, as dúas que máis nos gustaron están curiosamente editadas por La Cúpula. Trala impactante Cuéntalo, a lectura neste outono de El beso número 8 deixounos igualmente fascinados, tanto pola súa calidade como pola súa clarividencia.

El beso número 8

Sempre se di, e non sen motivo, que os escritores e guionistas norteamericanos teñen a indudable virtude de enfocar os conflitos e problemas da súa sociedade e modo de vida con acerto e autocrítica. Se nos remontamos ata as orixes da fundación dos Estados Unidos imos atopando en tódalas épocas novelas, ensaios, guións de cine e televisión e, por suposto, magníficas novelas gráficas como estas dúas que comentamos. A veterana escritora Colleen AF Venable investiu tres anos na construción deste acertadísimo e milimétrico guión no que, ademais de abordar temas que sempre foron –e seguen a ser- tabús en contornas como as que aquí se amosan, consegue involucrar totalmente ao lector na montaña rusa emocional que vive a adolescente protagonista.

El beso número 8

Amanda —Mads— ten 16 anos, vive nunha arquetípica comunidade estadounidense nos arrabaldes da pequena cidade de Meadville —Pensilvania— e estuda nun instituto católico. As súas dúas mellores amigas da nenez son tamén as súas veciñas e compañeiras de clase e, ademais, moi distintas: Laura é moi seria, correcta e algo aburrida; Cat, pola contra, é extrovertida, atrevida cos mozos e festeira, polo tanto a compañeira ideal á hora de se divertir.

El beso número 8

A Mads segue a gustarlle ver series e pelis comendo lambonadas co seu pai Jim, e os domingos os dous son fieis siareiros dun equipo de beisbol de veteranos. Coa súa nai, Mads non o leva tan ben. Pero as relación familiares van mudar. Unha chamada ao móbil de Jim da que prefire non falar, e unha carta dirixida a Amanda que o seu pai non lle quere entregar, poñen á moza sobre aviso de que algo está a pasar, algo que lle agochan e no que tamén está no allo a súa nai.

El beso número 8

No medio de toda esta lea Mads procura a compaña de Cat, que frecuenta un garito da cidade onde tocan grupos de mozos punks. Ávida de experiencias como corresponde á súa idade, e empurrada pola confusión, Mads tomará algunhas decisións trabucadas que a porán nunha situación límite coas súas dúas amigas. Por outra banda, resolverá a intriga do seu pasado familiar e isto axudaralle a aclarar a súa identidade e a súa sexualidade.

El beso número 8

Como diciamos antes, El beso número 8 ten un guión perfectamente tramado por Colleen AF Venable que ademais é, por momentos, moi divertido, e un debuxo súper expresivo, agradable e dinámico de Ellen T. Crenshaw, que acada transmitir as emocións dun xeito moi natural. As autoras agasállannos cunha entrevista mutua ao final do libro na que falan de si mesmas, do proceso creativo desta obra e deixan ver que son un equipo perfecto, xa que gozaron a tope mentras realizaban un traballo tan serio como este relato.


El beso número 8

El beso número 8
Colleen AF Venable / Ellen T. Crenshaw

La Cúpula
Tomos: 1