Esos días que desaparecen, de Timothé Le Boucher: orixinalidade e innovación sen superficilidade

Komic Librería: Esos días que desaparecen


A carta de presentación de Timothé Le Bocher, un autor francés ata o de agora inédito no mercado español, non podía resultar máis espectacular e sorprendente, deixándonos un sabor de boca tan satisfactorio que seguiremos expectantes a súa traxectoría despois de nos abraiar coas altas doses de ritmo e risco que emprega para abordar temas outras veces tratados na literatura ou no cinema, pero presentados aquí coa linguaxe da banda deseñada do século XXI.

Parécenos moi complicado comentar este tipo de obras, unha desas lecturas engaiolantes nas que o pracer ao descubrir as claves do seu guión e as sorpresas que nos agardan tras estas revelacións son directamente proporcionais. Son ocasións nas que comprería comezar a ler sen ter botado sequera unha ollada ás notas do editor na contracapa. Só podemos daquela falar da maneira que ten o autor de conceptuar e introducir a obra sen avanzar moitas das súas propostas e resolucións.

Komic Librería: Esos días que desaparecen

Na primeira escena asistimos á innovadora actuación circense que realiza un mozo acróbata nun gran teatro cheo ata a bandeira e como sofre un pequeno accidente no cal leva un golpe na cabeza, aparentemente sen consecuencias. Na segunda toma voltamos a velo, desta volta espertándose ás 7:15 da mañá e correr con présa cara o seu posto de traballo. Chega puntual, pero, para a súa sorpresa, cun día de atraso. É martes. Lubin Maréchal perdeu o luns e non pode lembrar absolutamente nada do acontecido nas 24 horas anteriores. Despois, unha escena coa súa parella e de novo asistimos ao seu espertar, agora é xoves, volveu pasar… Perdeu o mércores e non recorda nada dese día.

Coa información que temos os lectores inclinámonos a pensar que o golde na cabeza do inicio do libro pode terlle provocado amnesia ou, se somos un chisco suspicaces, podemos chegar a pensar que imos atopar un relato de corte fantástico ou ciencia ficción. Pero non van por aí os tiros…

Komic Librería: Esos días que desaparecen

Lubin perderá pronto o seu traballo, as súas capacidades artísticas e mesmo as súas relación sociais, porque eses días que desaparecen serán cada vez máis frecuentes. Alguén que é un estraño para el e para nós como lectores tomará o control do seu corpo e mente e irá a anulalo progresivamente.

As sensacións que temos ao avanzar na lectura son contraditorias e desacougantes. Dalgún xeito empatizamos co noso protagonista, que o tiña todo para ser feliz: mocidade, talento, amor, amigos…Pola contra aquel que lle está a arrebatar a súa propia vida resúltanos un tanto repulsivo e cada vez semella estar máis claro que vai resultar gañador nesta batalla.

Komic Librería: Esos días que desaparecen

É moi brillante a montaxe das escenas que se suceden mostrándonos só os días nos que vive Lubin, nunca vemos o que acontece nos días que perde. Estas elipses contribúen a que o ritmo sexa aínda máis acentuado e que a historia avance rápido no tempo cara un futuro moi afastado, o que provoca a estraña sensación de que a vida transcorre nun suspiro.

Brillante é tamén a resolución, xa que o autor xoga as súas cartas ata o final alimentando sempre un fío de esperanza para o protagonista á vez que para o lector, malia non decantarse finalmente pola complacencia, deixando así a obra un pouso amargo e realista difícil de esquecer.

Komic Librería: Esos días que desaparecen

Como é costume, recomendamos deixar a unha beira prexuizos de calquer tipo para seguir a descobrer obras tan orixinais ou innovadoras coma esta que, a pesares do que puidese semellar a primeira vista, non ten nada de superficial.


Komic Librería: Esos días que desaparecen

Esos días que desaparecen
Timothé Le Boucher

Dibbuks
Tomos: 1