Ventiladores Clyde, de Seth: a aceptación da realidade do ser

Komic Librería: Ventiladores Clyde (Integral)


A publicación de Ventiladores Clyde será para nós sen dúbida o acontecemento máis salientable deste ano 2019. Abonda con fixarse un chisquiño no deseño do sitio web onde estás a ler isto para entender que Seth é un dos primeiros referentes no noso universo komiqueiro. Esta obra, impecablemente editada por Salamandra Graphic en España, foi construída e elaborada ao longo de case dúas décadas, e debemos dicir que colmou tódalas expectativas que albergábamos dende 2003, ano no cal a desaparecida editora Sins Entido publicou a primeira parte deste relato. A espera ben pagou a pena.

Komic Librería: Ventiladores Clyde (Integral)

Seth é un debuxante canadense nado no 1962 nunha pequena vila. Sendo aínda novo mudouse á cidade de Toronto, detalle relevante para entender a súa carreira. Dende os seus comezos os seus cómics destilaban elegancia e certo aire nostálxico, debido ao seu propio carácter e ás súas influencias estilísticas, especialmente os debuxantes clásicos de tiras cómicas de prensa.

Komic Librería: Ventiladores Clyde (Integral)

Nos primeiros capítulos de Ventiladores Clyde o lector cre estar perante unha historieta que vai describir o auxe e caída dunha empresa familiar que fabrica e comercializa ventiladores. Talvez esta era a intención inicial de Seth, amosar un mundo xa case desaparecido a través das experiencias dos dous irmáns propietarios de «Clyde Fans Company». Na descrición das expedicións comerciais de Abe —o máis extrovertido e rudo dos dous— por vilas e cidades dende a década dos 50, e o seu xeito de exponer polo miúdo o seu catálogo de productos, vaise ir asentando o estilo descritivo de Seth.

Komic Librería: Ventiladores Clyde (Integral)

Continuos saltos temporais fan que vexamos momentos importantes das súas vidas e deixan que espreitemos as súas personalidades antagónicas. Un dos máis reveladores é aquel no que Abe empurra ao seu irmán Simon cara unha destas viaxes nas cales debe enfrontarse a comerciantes e minoristas e tentar venderlles os seus productos. Unha misión esgotadora e imposible para el que acabará por dobregalo, facéndoo caer na máis fonda das depresións.

Komic Librería: Ventiladores Clyde (Integral)

Aos poucos imos entendendo que a inexorable lentitude coa cal o autor foi construíndo a obra implica a aceptación da súa propia identidade, e que os dous irmáns protagonistas posúen rasgos nas súas personalidades que proveñen do propio Seth. Séntese o peso do tempo tanto na vida do creador como na dos seus personaxes, e convértese nun dos elementos claves da obra. Ninguén transmitiu mellor no noso medio o que supón aceptar a deterioración cognitiva dunha nai, ou a incapacidade de adaptación a un mundo cambiante cando un chega a unha certa idade.

Komic Librería: Ventiladores Clyde (Integral)

Seth calificou esta obra como deprimente, aburrida e lenta nunha das entrevistas concedidas na súa recenté visita ao noso país. De seguro non foi premeditado, pero si é certo que el sempre mostrou unha certa obsesión con preservar o pasado, algo que entedemos como a pretensión de conservar o mellor de nós mesmos como individuos e como especie.

Komic Librería: Ventiladores Clyde (Integral)

Tamén dixo que nunca voltaría facer algo polo que tivese que investir outros vinte anos. E, malia que para nós con Ventiladores Clyde acadou refinar o seu estilo gráfico e narrativo, e elevar este título á categoría de Obra de Arte, algo dificilmente superable, confiamos en que nos volva sorprender no futuro, xa que atesoura máis elegancia e coñecemento ca nunca, polo que agardaremos con moitas ganas os seus vindeiros traballos.


Komic Librería: Ventiladores Clyde (Integral)

Ventiladores Clyde (Integral)
Seth

Salamandra Graphic
Tomos: 1