Historias casi negras, de VV. AA.: dez relatos nas beiras do xénero negro

Historias casi negras


Presentámosvos hoxe Historias casi negras, unha curiosa escolma que, como anuncia o seu título, reúne dez relatos que podemos situar nos límites do xénero negro. A modo de divertimento ou experimentación, catorce autores e autoras xogan cos estereotipos do estilo policial para construír historias de estilos moi diversos, tanto no gráfico como no narrativo.

Historias casi negras

Nos dez capítulos autoconclusivos que conforman este volume atopamos relatos que van do suspense ao terror pasando polo humor, empregando ao seu antollo elementos caracterísiticos deste popular xénero que tantas boas historias ten aportado na literatura, no cinema ou na banda deseñada.

Historias casi negras

O seu título homenaxea en certa maneira ao recoñecido clásico de Franquin Ideas negras e ás estupendas (e desacougantes) Historias negras de Abulí e Bernet, e entre a nómina de artistas presentes nestas Historias casi negras atopamos dous vellos coñecidos que presentarán esta obra en Komic Librería o vindeiro venres 10 de maio.

Historias casi negras

Por unha banda temos ao polifacético Mariano Casas, un creador incansable a quen debemos títulos como as Historias de Mariano, Mensaxes (premio Castelao no ano 2008) ou máis recentemente Mascarón de proa. A súa voz, sempre persoal, acadou cos anos un estilo propio e recoñecible que podemos aprezar na historia curta titulada «Me persigue un tío», a súa achega nesta compilación. Un relatiño de seis páxinas, baseado —segundo di o propio autor— en feitos reais, no cal Mariano esaxera unha circunstancia cotiá ata convertila nalgo extraordinario, algo certamente difícil pero habitual na súa traxectoria.

Historias casi negras

E por outro lado contaremos con David Braña, un inquedo, voluntarioso e prolífico historietista afincado en Vigo que posúe unha extensa carreira como guionista. Das súas mans nace o relato titulado «Suerte», impecablemente debuxado por Rubén Gil e ambientado nas Vegas. O seu protagonista, un detective da vella escola alcumado «Luck o Gafe», atópase ante un deses casos que adoitan marcar a diferenza e o seu tino á hora de resolvelo pode que sexa o empurrón de boa sorte que precisa, ou non.

Historias casi negras

Así pois aquí vos deixamos esta recomendación, dez relatos nas fronteiras do xénero negro, dez Historias casi negras que este venres 10 de maio, a partires das 19:00 horas, presentarán e asinarán David Braña e Mariano Casas en Komic Librería: agardamos contar convosco, non faltedes!


Historias casi negras

Historias casi negras
VV. AA.

Cuocio Editorial
Tomos: 1