Ether #2. Los gólems de cobre + Sherlock Frankenstein y la Legión del Mal: David Rubín on fire!

Ether #2. Los gólems de cobre


Aproveitando a súa vindeira visita a Komic Librería falámosvos hoxe de dous títulos que, ademais de estar entre as obras máis salientables do cómic estadounidense dos últimos tempos, comparten o excelente traballo do ilustrador galego David Rubín, consolidado nun mercado tan esixente como é o norteamericano e requerido polos guionistas máisprestixiosos do momento (como é, por exemplo, o caso dos señores Matt Kindt e Jeff Lemire).

Ether #2. Los gólems de cobre

Por unha banda temos a segunda entrega da serie Ether, un emocionante relato de aventuras fantásticas nunha dimensión máxica que mestura acción e intriga ao seguir os pasos de Boone Dias, un intrépido explorador dese outro mundo. Se o seu primeiro arco argumental, La muerte de la última Llama Dorada (aquí podedes ler o que sobre ela comentamos no seu momento) servía de excelente presentación e deixábanos cunhas ganas enormes de saber máis sobre o Ehter, esa dimensión alternativa, a lectura deste segundo ciclo multiplica esas ganas.

Ether #2. Los gólems de cobre

En Los gólems de cobre os portais que existen entre a Terra e este mundo máxico comezan a se multiplicar poñendo en perigo a existencia dos dous universos, polo que o noso aventureiro protagonista, acompañado de Glum —o gardián do Ether—, Violeta —unha fada vella coñecida de Boone— e Grandor, un feiticeiro con cabeza de touro, partirá nunha viaxe chea de perigos e dificultades.

Ether #2. Los gólems de cobre

Se hai algo que transmiten as páxinas de Ether, ademais desas ganas de seguir a coñecer as aventuras de Boone Dias das que vos falabamos antes, é o moito que os seus autores se divirten descubríndonos aos poucos as claves do seu relato, como se nos estiveran a preparar para algo aínda máis grande. Deste xeito coñecemos máis detalles da tráxica historia do seu personaxe principal e observamos como os eixos narrativos, tanto do primeiro arco como deste segundo, forman parte dunha conspiración maior.

Ether #2. Los gólems de cobre

E reafirmámonos en practicamente todo o que comentamos do seu primeiro volumen: Ether é unha serie de aventuras fantásticas moi recomendable para todo tipo de lectores e lectoras, onde, ao mesmo tempo que descubrimos un abraiante mundo máxico podemos gozar co espectacular debuxo de Rubín. Agradecemos tamén a, de novo, coidada edición a cargo de Astiberri, con interesantes extras sobre o seu traballo creativo e a compilación das portadas alternativas de cada capítulo, asinadas por nomes tan importantes como Paul Pope, Bill Sienkiewicz ou Michael Allred.

Sherlock Frankenstein y la Legión del Mal

Cómpre falar tamén doutra serie, neste caso aparecida xa hai uns meses en castelán, que conta co talento de David na súa parte gráfica. E non é outra que Sherlock Frankenstein y la Legión del Mal, unha historia que afonda nun dos principais inimigos dos superheroes de Black Hammer, a colección coa cal o canadense Jeff Lemire está a dar unha interesante reviravolta ao xénero superheroico.

Sherlock Frankenstein y la Legión del Mal

Xa que logo recomendámosvos estas dúas series convencidos de que vos van encantar, e lembrámosvos que este vindeiro venres 12 de abril contaremos en Komic Librería coa presenza de David Rubín, que asinará exemplares a partires das 18:00 horas. Agardamos contar convosco: non volo perdades!


Ether #2. Los gólems de cobre

Ether #2. Los gólems de cobre
David Rubín / Matt Kindt

Astiberri
Tomos: 1





Sherlock Frankenstein y la Legión del Mal

Sherlock Frankenstein y la Legión del Mal
David Rubín / Jeff Lemire

Astiberri
Tomos: 1