El rey de la carretera, de Josep Busquet e José Ángel Ares: un divertidísimo delirio postapocalíptico

El rey de la carretera


Alégranos moitísimo falarvos de El rey de la carretera, unha obra que conta entre o seu tándem creativo coas ilustracións de José Ángel Ares, prezado komiqueiro a quen tiñamos moitas ganas de recibir na nosa librería non só como cliente, senón como autor convidado. Da unión das súas forzas coas do prolífico guionista Josep Busquet (con quen xa traballara en Independencia?) xurdiu esta saga futurista, da cal Aleta publicou un primeiro volume –Km.0– en 2016 e hai uns meses unha segunda entrega titulada El valle de la muerte.

Atopamos nas súas páxinas unha divertida e gamberra distopía postapocalíptica que nos traslada a un hipotético futuro no cal, despois dunha gran catástrofe, unha minoría da poboación humana habita en tranquilas, cómodas e limpas cidades mentras o resto da especie sobrevive como pode nos perigosos territorios salvaxes, alén das murallas que protexen estas modernas urbes.

El rey de la carretera

Porén hai algo que comparten os habitantes dunha beira e outra, e é a omnipresenza da televisión, un entretemento ao que está enganchada a práctica totalidade da poboación e que conta entre as súas máximas estrelas cun peculiar personaxe que cada semana achega ao publico as súas perigosas e emocionantes aventuras neste mundo hostil. Un home xa entrado en anos (pero en excelente forma física), varudo e barbudo, como unha sorte de cruce entre Max Rockatansky e Papá Noel. Falamos, por suposto, do noso protagonista: El rey de la carretera.

El rey de la carretera

Dentro da ciencia-ficción poderiamos falar de todo un subxénero ambientado na Terra despois dalgunha apocalíptica catástrofe, e Busquet e Ares aproveitan as numerosas referencias clásicas deste estilo para divertirse á vez que constrúen o seu relato. Mad Max, Akira ou El puño de la Estrella del Norte deixan o seu pouso nos dous volumes, como unha mostra máis do moito que se divertiron na súa realización tanto o debuxante como o escritor, algo que podemos percibir claramente e que consideramos un bo punto positivo desta obra.

El rey de la carretera

Aprezamos tamén que, agochada trala súa apariencia rebuldeira, El rey de la carretera é unha crítica mordaz a unha sociedade clasista e afeita a sentarse diante da «caixa tonta» e tragarse todo canto ela proclame. Un público pasivo que considera dabondo a ración de «realidade» que as ondas catódicas lle transmiten.

Se na escrita Busquet crea unha obra de doada lectura grazas ao seu ritmo dinámico no debuxo atopamos a un José Ángel Ares que vai progresando no seu estilo cada vez máis solvente. Como exemplo podemos salientar as diferenzas entre o primeiro e o segundo tomo desta obra, cun trazo máis claro e consistente ademais dun interesante emprego da cor na súa segunda entrega (a primeira é en branco e negro).

El rey de la carretera

Así pois aquí vos deixamos a nosa recomendación desta semana, un par de historias divertidas e entretidas que o seu ilustrador presentará o vindeiro venres, 1 de marzo, en Komic Librería. Agardámosvos a partir das 18:30 horas: non volo perdades!


El rey de la carretera

El rey de la carretera
Josep Busquet / José Ángel Ares

Aleta
Tomos: 1