Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979), de Xulio Carballo: unha necesaria ollada cara os alicerces da nosa bd

Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979)


Cando, hai uns anos, Xulio Carballo entrou en Komic Librería solicitando información para a súa tese doutoral sobre os primeiros pasos da banda deseñada galega, non podiamos sospeitar que o seu traballo ía ter un percorrido e unha repercusión tan relevantes, nin que da súa investigación naceran froitos tan interesantes e necesarios como a estupenda exposición BDG 70: a revolta do cómic galego, que comisariou no ano 2016 para a Sala Normal da Universidade da Coruña (e da que dá testemuño o seu excelente –tanto no contido como na súa edición– catálogo), ou o libro do que hoxe vos falamos, recén saidiño do prelo: Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979).

Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979)

En calquera sistema literario e artístico as obras de investigación son sumamente importantes, ben como creadoras dun canon necesario, ben como rescatadoras de tesouros agochados, dúas aportacións que o ensaio de Xulio Carballo achega a o público xeral con documentación, precisión e unha linguaxe accesible. Isto é, se cadra, máis relevante aínda ao ter en conta a precariedade do caso galego en concreto. Explicámonos: non só hai que valorar a ausencia –case total– de estudos deste eido realizados na nosa lingua ata a aparición deste título, senón que cómpre ter en conta tamén a discriminación que tradicionalmente a banda deseñada ten sufrido como forma de expresión artística.

Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979)

Xa que logo, Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979) preséntasenos como algo tremendamente necesario. Para entender o presente é preciso coñecer o pasado, polo que non podemos deixar de agradecer esta oportunidade para mergullarnos nos inicios da bd galega que tantas alegrías e sorpresas nos deu nestes últimos anos.

Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979)

A abraiante viaxe que propón Xulio Carballo comeza cunha introdución que revisa os precedentes da historieta galega ata chegar ao ano 1971, data na cal Xaquín Marín publica, na revista Chan, a considerada primeira banda deseñada galega: O emigrante. O propio Marín, xunto co pintor Reimundo Patiño, son os responsables, uns anos despois, do primeiro álbum de bd galega: 2 viaxes. Resulta rechamante como nestes primeiros anos setenta boa parte da produción está asinada por creadores procedentes da pintura, que asumen o cómic como unha prolongación das artes plásticas á que chegan pola súa inquedanza e o seu afán experimental, un diálogo que tamén estivo presente con outras disciplinas artísticas como a fotografía ou o gravado.

Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979)

O carácter grupal (arredor das distintas publicacións que naceron nesta época ou colectivos ben definidos como o Grupo de Cómic do Castro) e a procura dunhas características propias e comprometidas co seu tempo son outros dos trazos definitorios nestes primeiros anos, xunto co voluntarismo dos creadores e divulgadores.

Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979)

Ademais de inventariar a presenza da banda deseñada na prensa escrita Xulio Carballo fai fincapé nas revistas ou fanzines nados durante esta década, e tamén nas exposicións realizadas sobre esta forma de expresión artística, plantexando un percorrido moi completo, ilustrado con numerosos exemplos, que abrangue as distintas realizacións, a meirande parte delas pioneiras, que a bd galega tivo neste anos.

Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979)

Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979), pois, vén cubrir un baleiro nos estudos ensaísticos sobre as viñetas galaicas converténdose, dende a súa publicación, nunha obra de referencia para todas aquelas persoas interesadas na banda deseñada en xeral e na galega en particular. Unha fermosa, necesaria e interesante fiestra cara o pasado (descoñecido por boa parte do público lector actual) que vos recomendamos totalmente. E tamén vos anunciamos a súa presentación en Komic Librería, o vindeiro venres 15 de febreiro, a partires das 18:30 horas, coa presenza do seu autor: non faltedes!


Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979)

Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979)
Xulio Carballo

Xerais
Tomos: 1