El tesoro del cisne negro, de Paco Roca e Guillermo Corral: piratas e arqueólogos na política actual

Komic Librería: El tesoro del Cisne Negro


A estas alturas o nome de Paco Roca non precisa presentación algunha. O historietista valenciano fíxose merecente do favor do público e da crítica grazas á súa excelente solvencia narrativa e á marabillosa capacidade que posúe para facer que os lectores empaticen cos seus personaxes. Unhas características que o converteron nun dos nomes máis relevantes da banda deseñada española do século XXI, especialmente tralo enorme éxito que supuxo Engurras (2007), a emotiva historia sobre o alzhéimer coa cal acadou o Premio Nacional de Cómic.

Komic Librería: El tesoro del Cisne Negro

Dende entón demostrou a súa condición de autor versátil e talentoso con proxectos tan variados como o relato borgiano Las calles de arena, a lembranza histórica que fixo dos soldados republicanos españois na Segunda Guerra Mundial en Los surcos del azar ou os divertidos episodios autobiográficos que conta na triloxía de Un hombre en pijama, sen esquecer, por suposto, o evocador realismo familiar de La casa ou a nostalxia metacomiqueira de El invierno del dibujante. Esta inquedanza por explorar diversos xéneros e temáticas, ademais de ser unha cualidade que aprezamos e agradecemos enormemente, volve quedar patente no seu último traballo, El tesoro del Cisne Negro, unha interesante obra de aventura e intrigas políticas cunha lectura que atrapa dende a primeira páxina.

Komic Librería: El tesoro del Cisne Negro

Cun guión orixinal do diplomático e escritor Guillermo Corral a trama achéganos a un caso real que moit@s lembraredes: o expolio, por parte da maior empresa «cazatesouros» do mundo, dos restos dun buque español afundido arredor do 1800 preto do Estreito de Xibraltar e os esforzos do Ministerio de Cultura por recuperalos a través dunha interesante batalla xurídico-política que se prolongou durante varios anos.

Komic Librería: El tesoro del Cisne Negro

Este argumento, como poderedes imaxinar, provoca que o relato sexa unha mestura de aventura, arqueoloxía e historia con intrigas propia da alta política, espionaxe e intereses ocultos, narrado todo cunha coidada documentación, un excelente ritmo narrativo e unha gran claridade, debida ao coñecemento que Corral ten do funcionamento do proceso dende dentro e ás habilidades de Paco Roca como autor de bd.

Komic Librería: El tesoro del Cisne Negro

Mergullarnos nun mundo tan pouco coñecido para o público en xeral como é o da política a eses niveis resulta moi atractivo, como xa nos acontecera co divertidísimo Quai d’Orsay de Blain e Lanzac, e o aquel de aventura mariña que posúe toda a historia préstase a que lle chisque o ollo a elementos tan coñecidos da cultura popular como son os álbumes de Tintín ou os documentais do Capitán Cousteau, ademais do interese histórico do afundimento do barco e as consecuencias que isto tivo.

Komic Librería: El tesoro del Cisne Negro

Un libro, pois, moi recomendable para todo tipo de lectores e lectoras, mesmo para aquelas persoas non afeitas a ler banda deseñada, unha versión moderna das historias de piratas que vai ser, sen dúbida, unha das lecturas máis agasalladas neste vindeiro Nadal.


Komic Librería: El tesoro del Cisne Negro

El tesoro del cisne negro
Paco Roca / Guillermo Corral

Astiberri
Tomos: 1