Alter-nativo, de Jorge Campos: cando naufragar resulta ser unha aventura marabillosa

Komic Librería: Alter-nativo


Había tempo que tiñamos moitas ganas de vos falar de Alter-nativo, unha fermosa «rara avis» dentro da bd galega que o seu autor, Jorge Campos, presentará o vindeiro venres 23 de novembro en Komic Librería.

Cando hai case un ano, a través do interesante proxecto editorial da librería alaricana Aira das Letras, chegou ás nosas mans esta obra, a primeira dun autor a quen non tiñamos o gusto de coñecer daquela, a nosa sorpresa foi enorme. O atrevemento e o acerto que amosaba Jorge Campos en Alter-nativo chamaron fondamente a nosa atención. E con razón.

Explicámonos: Alter-nativo é unha banda deseñada moi pouco convencional. Para comezar estamos perante unha obra sen palabras, onde o debuxo e a secuenciación levan a carga narrativa cunha rechamante soltura. Trátase, ademais, dun libro no que non pasamos as follas ao lelo, senón que as despregamos, xa que está encadernado artesanalmente como se dun acordeón se tratase (se cadra algúns de vós lembraredes outro título editado de xeito semellante hai uns anos: La Gran Guerra, de Joe Sacco). Xa que logo en Alter-nativo atopamos un bo exemplo de igualdade entre o contido e o continente, un artefacto fermoso que resulta abraiante como obxecto ao tempo que agocha moita maxia no seu interior.

Komic Librería: Alter-nativo

Jorge Campos, ilustrador e arquitecto ourensán, acadou o primeiro premio no Certame de Cómic de Cangas durante tres anos consecutivos e con este título fixo a súa presentación como autor. Difícil comezar mellor, a verdade. Arriscou cunha proposta anovadora partindo dunha situación moi clásica dentro da banda deseñada, especialmente no humor gráfico: un naúfrago nunha illa deserta. Con esta premisa inicial Jorge decidiu explorar a morea de posibilidades que se lle ofrecen ao protagonista e plantexou unha obra con múltiples lecturas, universos paralelos e intres nos que o naúfrago se duplica, e mesmo se triplica, nun divertido e sorprendente labirinto no cal asistimos a(s) súa(s) tentativa(s) de fuxir da illa.

Con moito tino á hora de empregalas o autor inclúe nos distintos relatos unha chea de referencias, esencialmente literarias, relacionadas co mar, as illas ou os naufraxios. Deste xeito chíscalle un ollo a obras como Pinocho ou 20.000 leguas de viaxe submariña pasando polo Señor das moscas, Moby Dick ou a Odisea. A súa estrutura múltiple lembra así mesmo a aquela popular serie de libros dos oitenta na cal o lector ou lectora elixía cara onde levar o relato e tamén aos videoxogos de plataformas.

Komic Librería: Alter-nativo

Así pois aquí vos deixamos esta recomendación: un libro cheo de sorpresas, estupendamente editado e que ademais é válido para tódalas idades, unha obra fascinante que o seu autor presentará e asinará exemplares este vindeiro venres 23 de novembro, a partir das 18:00 horas, en Komic Librería: agardámosvos!


Komic Librería: Alter-nativo

Alter-nativo
Jorge Campos

Aira das Letras
Tomos: 1