Los maestros cerveceros: un «culebrón» con letras de ouro

Komic Librería: Los maestros cerveceros


Para moit@s d@s komiqueir@s habituais esta recensión non vos vai aportar gran cousa que non vos teñamos comentado persoalmente en máis dunha ocasión, xa que Los maestros cerveceros é unha das obras máis emblemáticas e, ata que se esgotou a anterior edición, o título máis vendido na historia de Komic Librería.

Komic Librería: Los maestros cerveceros

Varios son os motivos que deben coincidir para que determinados libros acaden cifras de vendas tan rechamantes como as que tivo esta saga ou, máis recentemente, os distintos ciclos de Los mundos de Aldebarán de Leo. O xénero, a temática e a calidade da obra son imprescindibles, claro está, pero a este éxito contribúe tamén un prezo de venda ao público axustado ou mesmo moi económico, como foi o caso deste par de series nas súas respectivas primeiras edicións en España, ámbalas dúas a cargo da editorial Planeta. No caso que hoxe nos ocupa, Los Maestros Cerveceros, falamos da saga dunha familia belga que comeza co nacemento da industria cervexeira como tal, arredor de 1850, e que se prolonga ata os anos noventa do século vinte, data da realización desta obra.

Komic Librería: Los maestros cerveceros

O xénero folletinesco serve ao seu guionista, Jean Van Hamme, para desenvolver un dos seus traballos máis redondos. Este escritor, ao que sempre temos considerado como un dos nosos favoritos, planifica esta obra coa precisión dun reloxeiro suízo, enmarcándoa perfectamente nos acontecementos históricos que transcorren en Europa ao longo de século e medio e sementándoa con xiros argumentais xeniais e sorprendentes que fan de Los Maestros Cerveceros unha aposta segura para case calquera tipo de lector, e máis cando o debuxo de Francis Vallès, próximo á liña clara e ao estilo da clásica escola franco-belga, axústase e apoia con virtuosismo un guión tan estupendo.

A trama dá comezo na abadía de Drop, localidade de arraigada tradición cervexeira onde o mozo novizo Charles presta moita máis atención aos segredos que os monxes comparten con el sobre a fabricación da súa cervexa que ao estudo do latín e das sagradas escrituras. A dous meses de facer 19 anos, a idade fixada para profesar os votos, é sorprendido na compaña dunha moza en plena aventura amorosa e é expulsado da congregación. A partires deste momento este rapaz empéñase en materializar os seus coñecementos e fabricar unha cervexa de máis calidade que a do cacique que domina o mercado local dende hai tempo. Nos primeiros capítulos este tema da elaboración será un dos que aportarán interese á narración, que engancha dende a primeira páxina. Máis adiante todos os ingredientes propios do xénero irán aparecendo e encaixando como as pezas dun engrenaxe perfecto. Desacordos, intrigas e rivalidades dentro e fóra dos clans familiares irán a sucederse co paso dos anos e as xeracións e darán paso, trala Segunda Guerra Mundial, a disputas empresarais nas cales as finanzas xogarán un papel importante no desenvolvemento dos acontecementos.

Komic Librería: Los maestros cerveceros

Cómpre lembrar que Van Hamme é un experto coñecedor do mundo da gran empresa, estudou Administración e traballou no Departamento de Marketing de Philips. Estes coñecementos son palpables tanto na obra que hoxe nos ocupa como noutra das súas obras máis famosas, a serie Largo Winch, onde o protagonista resulta ser o herdeiro dun imperio económico. XIII e Thorgal son as súas outras grandes sagas, ademais guionizou dous álbumes de Blake & Mortimer, cinco de Lady S, dous de Wayne Shelton e un bo número de títulos entre os que salientamos El gran poder del Chninkel, debuxada, ao igual que Thorgal, por Rosinsky e que volve estar dispoñible no mercado español nunha máis que aceptabel edición en cor. Todos estes álbumes, e algún máis se contamos as continuacións e series paralelas que están a ser escritas na actualidade por outros guionistas, superan a centena e están decote nos nosos andéis como unha constatación de que Van Hamme é un dos nosos guionistas predilectos e pedra angular da bd europea, de feito cúmprense agora 50 anos do inicio da súa carreira, comezada coa publicación de Epoxy no 1968.

Komic Librería: Los maestros cerveceros

A editora Dolmen preséntanos agora a obra completa en dous tomos, cada un dos cales contén catro capítulos, cun formato axustado que permite gozar plenamente do minucioso debuxo de Vallès. Talvez as portadas dos integrais non estean á altura das oito orixinais, unha por capítulo, que o editor tivo a ben engadir como extras, ao tentar plasmar con personaxes de referencia as distintas épocas que recolle cada volume. Enténdese pero o acabado dixital afástase do concepto estético orixinal. Polo demais nada que lle obxectar a esta coidada edición de Dolmen que, ademais, ten un prezo ben axeitado (e máis dada a calidade da obra).

En resumo, alédanos enormemente contar de novo con este best-seller de fondo na nosa librería, o exemplo perfecto dun título que aprezamos aínda máis trala súa relectura, que calquera pode recomendar mesmo a persoas que non adoitan ler banda deseñada e que ademais xenera e fideliza a novos lectores.


Komic Librería: Los maestros cerveceros

Los maestros cerveceros
Jean Van Hamme / Francis Vallès

Dolmen
Tomos: 2