El hombre garabateado, de Serge Lehman e Frederik Peeters: cando as lendas cobran vida

Komic Librería: El hombre garabateado


Unha nova obra saída da man de Frederik Peeters é sempre ben recibida en Komic Librería, e máis se se trata dun relato tan fascinante coma El hombre garabateado, unha historia guionizada por Serge Lehman e debuxada polo noso aprezado suízo que vos recomendamos encarecidamente e que trataremos de vos explicar sen estropear ningunha das súas sorpresas..

De cando en vez resulta difícil diferenciar claramente entre a realidade e a ficción, entre o soño e a vixilia, entre o que existe e o que non. Na nosa tradición cultural atopamos unha chea de exemplos de historias ficticias cunha base real como son as lendas e os mitos, a literatura popular de transmisión oral (e nisto a galega é un bo exemplo) está repleta deste tipo de relatos e, normalmente, temos claro que son metáforas de determinados aspectos da realidade ou un xeito de transmitir de xeración en xeración a sabedoría dunha comunidade. Pero, como diciamos ao comezo, en ocasións os límites entre o real e o ficticio esváese ata facer que esta fronteira non resulte tan evidente…

Komic Librería: El hombre garabateado

Precisamente neste territorio confuso é onde Lehman e Peeters plantexan a acción que transcorre en El hombre garabateado, e fanno con tal soltura e naturalidade que non podemos máis que admirar o seu traballo e deixarnos atrapar polo seu relato. Efectivamente, estamos perante un deses libros que resulta imposible pechar ata rematar a súa lectura, polo ben fiada que está a narración, polo seu excelente debuxo e, moito ollo, pola agradecida e continua morea de sorpresas que agochan as súas páxinas.

Komic Librería: El hombre garabateado

Xa dende a intrigante e fermosa portada, que amosa a unha sinistra figura ataviada cun estraño traxe que semella ser un disfrace de corvo, atopámonos, como lectores, totalmente espidos, sen saber cara onde imos e a mercé das maquinacións dos autores, que demostran ser bos coñecedores do xeito de enganchar aos lectores. Constrúen o seu relato aos poucos, dosificando con intelixencia e mestría as intrigas. Déixamonos facer e sorprender, e deste xeito o que comeza sendo o interesante retrato realista dunha familia formada por tres mulleres –avoa, nai e filla- no París dos nosos días vai derivando cara un engaiolante thriller que a medida que nos achegamos ao seu final adquire un ton fantástico e mitolóxico sabiamente resolto.

Komic Librería: El hombre garabateado

A historia está protagonizada especialmente por Betty, nai solteira e filla dunha exitosa escritora de contos infantís, e a súa filla Clara, que disque herdou da súa avoa o talento de crear contos abraiantes. Xuntas realizan unha viaxe iniciática que comeza coa aparición do misterioso personaxe da cuberta e na cal deben afondar no pasado da súa familia. Unha investigación que non vai resultar nada doada, pois cada resposta conleva unha nova pregunta e todos estes interrogantes conforman un novelo de enigmas cunha sorprendente resolución que, se cadra, desafía á lóxica convencional e na cal o papel destas dúas mulleres, coas súas fortalezas e debilidades, é fundamental.

Komic Librería: El hombre garabateado

El hombre garabateado é, xa que logo, un fascinante e escuro conto para adultos cociñado cunha gorentosa variedade de ingredientes que tocan á súa vez unha chea de subtemas interesantísimos: dende a desconexión do ser humano contemporáneo coa natureza ata a relevancia da linguaxe, pasando polo rol da muller como gardiá da tradición e da oralidade. Os elementos fantásticos que atopamos e que xogan un papel tan relevante proceden, na súa meirande parte, do folclore centroeuropeo.

Komic Librería: El hombre garabateado

Unha moi boa tarxeta de presentación para o guionista Serge Lehman, que malia posuír unha extensa carreira e unha gran reputación como escritor de ciencia-ficción en Francia é case descoñecido no mercado español, algo que non acontece cun dos nosos autores predilectos, o suízo Frederik Peeters (a quen debemos títulos como Píldoras azules, RG, Lupus ou Aama), que volve demostrar o seu enorme talento e versatilidade como debuxante. Nun auténtico festival de branco e negro con grises lévanos a través dun París asulagado permanentemente por un auténtico diluvio ata a brétema ou a neve do rural e das montañas,plasmando con éxito e acerto a tremenda variedade de situacións que suceden nas máis de 300 páxinas de El hombre garabateado.

Así que xa sabedes, aquí vos deixamos como recomendación o que para nós é unha das bandas deseñadas do ano, co consello de que vos mergullades na súa lectura sen ideas preconcebidas nin prexuízos.


Komic Librería: El hombre garabateado

El hombre garabateado
Serge Lehman y Frederik Peeters

Astiberri
Tomos: 1