Mascarón de proa, de Mariano Casas: un relato cunha gran pegada do realismo máxico

Komic Libreria: Mascarón de proa


O polifacético e inquedo Mariano Casas regresa cun novo traballo, unha novela gráfica que, como adoita ocorrer coas súas historias, sorprende pola súa orixinalidade. En Mascarón de proa, un relato ambientado na nosa cidade que o autor comezou a realizar aló polo ano 2013 durante a súa estadía en Alemaña, atopamos unha gran pegada do realismo máxico.

Komic Libreria: Mascarón de proa

O argumento preséntanos a Valeria, unha moza universitaria que cursa estudos de Historia da Arte e que mostra unha maior madurez que os seus compañeiros de piso ou de aula. Precisamente cunha das clases ás que asiste comeza este relato, momento que serve para introducir tamén outro dos eixos deste libro: a representación escultórica do ser humano, ben sexa nunha estatua, nun boneco ou nun manequín. Porque, de xeito paralelo ás situacións que viven os personaxes «humanos» asistimos a unha serie de insólitos, misteriosos e inexplicables episodios protagonizados, por exemplo, polas Dúas Marías situadas na Alameda, o Montero Ríos da Praza de Mazarelos ou polo Atlas que sostén ao mundo no Pazo de Bendaña, no Toural. Mesmo teñen un certo papel relevante as figuriñas de superheroes e debuxos animados que «residen» nas vitrinas da nosa librería, polo que nós aparecemos na obra facendo un par de simpáticos cameos.

Komic Libreria: Mascarón de proa

O propio título do álbum, Mascarón de proa, fai referencia ás figuras que se colocan na proa dos barcos, figuras cheas de simbolismo, significados e supersticións. A relación de Valeria con Bruno, un dos seus profesores recentemente chegado a Compostela, sería a outra base da historia, que comeza de xeito sinxelo pero que se vai enleando e enleando ata chegar a un final que non agardamos cando iniciamos coa súa lectura.

Cun trazo cada vez máis orgánico e máis afastado dos seus comezos esencialmente dixitais, Mariano transpórtanos a unha chea de espazos coñecidos (os arredores da Facultade de Historia, a Alameda, o pub Borriquita de Belem,etc.) ao tempo que vai desenvolvendo, con desenfado e unha boa dosificación, a intriga principal.

Aproveitamos tamén para vos anunciar que o vindeiro venres 4 de maio, a partires das 18:00 horas, o propio Mariano Casas presentará e asinará exemplares desta obra en Komic Librería. Agardamos contar coa vosa presenza e que Mascarón de proa vos guste tanto como a nós


Komic Libreria: Mascarón de proa

Mascarón de proa
Mariano Casas

Editorial Cuocio
Tomos: 1