Cuaderno de tormentas, de David Rubín: unha viaxe «atormentada» ás entrañas do proceso creativo

Komic Librería: Cuaderno de tormentas


O vindeiro venres 23 de marzo, a partires das 18:00 horas, teremos a honra de contar de novo connosco con David Rubín, que presentará e asinará exemplares da nova edición de Cuaderno de tormentas. Aquí vos deixamos a nosa opinión sobre esta obra, xa que a primeira vez que se achegou con ela a Komic Librería aínda non existía a nosa páxina web. Agardamos que vos resulte interesante e contar coa vosa presenza este venres.

Komic Librería: Cuaderno de tormentas

Hai máis de nove anos dende a primeira vez que David Rubín presentou por vez primeira o seu Cuaderno de tormentas na nosa librería, nun venres que os alí presentes dificilmente esqueceremos pois naquela data a metereoloxía quíxolle chiscar un ollo ao autor ourensán e desatou un impresionante temporal con ventos fortísimos, choiva e mesmo trebóns. As condicións extremas que se vivían no exterior crearon un escenario inmellorable para a presentación dunha obra fundamental que marcou un punto de inflexión na carreira de Rubín. Un título que foi publicado inicialmente por Planeta e que agora, tras case unha década dende a súa aparición e moitos anos sen estar dispoñible, regresa aos nosos andeis cunha nova versión editada por Astiberri, ampliada e chea de novidades respecto á orixinal. Pero para podervos falar máis polo miúdo dela e da súa importancia cómpre poñernos en situación.

No ano 2008 o nome de David Rubín comezaba a destacar na banda deseñada española. Os seus dous primeiros álbumes (El circo del desaliento e La tetería del oso malayo) irrumpiran cunha forza tremenda no panorama nacional facendo que o traballo daquel rapaz cheo de ilusión, talento e voluntarismo chegara alén do telón de grelos. Tras un comezo tan fulgurante, acadando numerosos premios e incontables gabanzas, tódolos focos apuntaban cara el agardando con expectación o seu seguinte título. E daquela David decidiu sorprender a propios e estraños ao pegar un chimpo sen rede con Cuaderno de tormentas, unha arriscadísima reflexión sobre a creación artística na cal espíase sen concesións mostrando a dramática vertixe do creador perante a folla en branco.

As dúbidas, medos, preguntas e inseguridades que asexan ao artista son un tema literario de certa recorrencia, non temos máis que lembrar a Divina Comedia de Dante ou o Fausto de Goethe como obras totémicas nas que tamén aparece o descenso aos infernos como vía de inspiración. David plantexa todo isto dun xeito íntimo e engaiolante nun momento, repetimos, decisivo na súa traxectoria.

Komic Librería: Cuaderno de tormentas

O libro resulta ser a crónica dunha viaxe, dunha odisea persoal, fantástica, iniciática e transformadora, protagonizada polo Narrador, un trasunto do propio Rubín que, bloqueado creativamente, é transportado ata un lugar imaxinario e terrible, Cidade Espanto. Coa precisión dun naturalista anota no seu caderno o seu percorrido por lugares escuros e abraiantes habitados por seres aínda máis sorprendentes e atormentados. Deambula, coma un flâneur, polas ruelas da cidade que move os fíos dos que nela viven, alleo aos perigos que agardan por el e que, finalmente, terá que afrontar nunha dura experiencia da que non sairá indemne.

Ademais da humildade, xenerosidade e afouteza que supón o feito de que un autor camiño da consagración aposte por compartir co seu público as súas dúbidas chamáranos moito a atención a estrutura escollida para contarnos este relato, xa que Cuaderno de tormentas é unha obra que abanea entre a banda deseñada e o libro ilustrado. Na particular cartografía que o Narrador realiza de Cidade Espanto abondan as dobres páxinas (as cales recomendamos que espreitedes con atención, pois están cheas de chiscadelas e referencias), que se mesturan con viñetas dunha secuenciación máis tradicional.

Komic Librería: Cuaderno de tormentas

Cando falamos deste título como un punto de inflexión no traballo de David Rubín dicímolo tamén porque nel aparecen varios dos trazos característicos no seu estilo, como son a experimentación na composición das páxinas e a súa narrativa, o emprego da cor como transmisora das emocións (lembremos que os seus álbumes anteriores eran en branco e negro) e a creación dun universo propio e recoñecible. Respecto a isto podemos aprezar semellanzas entre as paisaxes –físicas e humanas- de Cidade Espanto e as de obras posteriores como Ether, Aurora West ou La Ficción.

Ao falar das obras de David hai unha idea que repetimos constantemente, porque nos encanta e coidamos que é unha boa maneira de definilo: dicimos que é un autor que se desangra nos seus traballos, que semella empregar o seu propio sangue no lugar da tinta pola implicación e personalidade que transmiten as súas viñetas. E, sen dúbida, o exemplo máis claro disto atopámolo nas follas do caderno que o Narrador pasea pola Cidade Espanto.

Komic Librería: Cuaderno de tormentas

Como exemplo da relevancia deste Cuaderno de tormentas non temos máis que fixarnos na nova edición, meticulosamente traballada e actualizada. Non adoita ser habitual que un título de hai unha década sexa publicado de novo con tanto esforzo e agarimo, polo que podemos concluír que a súa reaparición no mercado non obedece só a un afán completista, senón que demostra a importancia que para o mesmo David Rubín ten.

Ademais dunha nova ilustración de cuberta, a revisión dos textos cunha rotulación distinta e unha mellora notable da cor a versión de Astiberri inclúe 21 páxinas extras na que atopamos varias ilustracións que son o xermolo da obra e un relato curto, Los fantasmas del bosque, que é así mesmo un precedente da figura do Narrador. Xenerosos contidos adicionais que aumentan o interese deste título, xa de por sí fascinante, e entre os que só botamos de menos o estupendo prólogo que Max escribirá na súa edición orixinal.

Lembrade que a visita de David Rubín a Komic Librería para volver presentar o Cuaderno de tormentas será este vindeiro venres 23 de marzo, e dará comezo, como é habitual, ás 18:00 horas. Non sabemos se, como hai nove anos, haberá un gran temporal programado, pero por se acaso vinde preparad@s...


Komic Librería: Cuaderno de tormentas

Cuaderno de tormentas
David Rubín

Astiberri
Tomos: 1