El informe de Brodeck (Integral), de Manu Larcenet: a sobriedade poética dun mestre

Komic Librería: El informe de Brodeck


A publicación dunha nova obra de Manu Larcenet supón sempre unha noticia máis que salientable para Komic Librería. O francés, para nós un dos máis talentosos (e prolíficos) renovadores da BD europea, conquistounos con Los combates cotidianos, unha sorprendente serie de carácter existencialista publicada no noso país entre 2003 e 2008 e recollida actualmente nun tomo integral. Unha obra que, como xa comentamos en numerosas ocasións, escolleriamos sen dúbida no caso de ter que elixir un único título do século XXI. Dende entón agasallounos con títulos tan diversos como a divertida serie autobiográfica El retorno a la tierra, as rocambolescas aventuras entre as que salientamos La línea de fuego, ou o maxistral e monumental Blast, un atípico thriller ambicioso e experimental construído a través de catro volumes e oitocentas páxinas que nos impactou fondamente entre os anos 2010 e 2014

Ao longo da súa xa extensa carreira percibimos nel a inquedanza que adoitan posuír os verdadeiros artistas, a determinación de buscar, experimentar e non repetirse. Por este motivo non nos estrañou que tras un traballo de enorme profundidade e esixencia como foi Blast decidira mergullarse noutra empresa titánica: a adaptación da crúa e descarnada novela homónima do recoñecido escritor francés Philippe Claudel, un relato que explora o máis escuro da natureza humana. E tanto ten se o lector leu ou non previamente a novela orixinal, dende a primeira páxina somos conscientes de estar perante un deses casos –escasos e moi agradecidos– nos que a adaptación dunha obra xa existente é realizada cun acerto tal que cobra entidade propia. A dureza do relato de Claudel é reinventada por medio da tinta de Larcenet.

Komic Librería: El informe de Brodeck

Editada orixinariamente en Francia en dous tomos, El informe de Brodeck chega ás nosas mans convertido nun fermoso volume integral, nun formato apaisado que é un signo diferenciador desta obra e onde Larcenet atopa o espazo axeitado para mostrar toda a súa excelencia como debuxante, algo que sempre intuímos pero que se fai máis tanxible nos seus últimos traballos, cun impactante e contrastado branco e negro que transmite perfectamente o que o autor quere expresar.

Komic Librería: El informe de Brodeck

Deste xeito somos introducidos nunha pequena e aillada vila montañosa, de ambientación xermánica pero que non é preciso situar nin nun país nin nun tempo concreto, xa que o que se nos vai contar é tristemente universal. Neste microcosmos, pechado, case hermético, recentemente sacudido e violentado por unha guerra que deixou a súa pegada atroz nos corazóns dos seus habitantes, atopamos ao noso protagonista, Brodeck, un home sinxelo que tenta deixar atrás as barbaridades vividas e as súas consecuencias.

Komic Librería: El informe de Brodeck

De maneira involuntaria vaise converter no narrador deste relato ao ser obrigado a redactar un informe sobre un terrible e brutal suceso relacionado coa chegada á aldea, meses atrás, do Anderer, o outro, o estranxeiro, un artista afable pero extravagante que é, en certo modo, un autorretrato do propio Larcenet. Este personaxe fascinante, que funciona tamén como antagonista do rudo e sombrío carácter da meirande parte dos aldeáns, conecta especialmente ben con Brodeck, xa que ámbolos dous comparten moitas características, ata o punto de resultar as dúas caras dun mesmo personaxe.

Komic Librería: El informe de Brodeck

Ao comezar as pescudas necesarias para realizar o seu informe Brodeck empeza a ser consciente do sinistro encargo recibido, e a medida que progresa na súa investigación imos entendendo a complexidade da situación. Os testemuños recollidos no proceso removen lembranzas do pasado (do seu, do do Anderer, do da vila) que el preferiría esquecer. E ao ir recolectando aos poucos as distintas pezas desta trama descubre unha dolorosa e terrible verdade que non só afecta á localidade enteira, senón que ameaza ao propio Brodeck e á súa familia.

Komic Librería: El informe de Brodeck

Homo homini lupus, «o home é un lobo para o home», a sentenza escrita por Plauto e posteriormente popularizada por Hobbes cobra aquí todo o seu significado, coma se o estado natural do ser humano fose estar en loita continua con aqueles que o rodean. Pero, ao mesmo tempo que podemos ser quen de cometer os actos máis brutais temos a capacidade de crear beleza, de progresar en comunidade, de ser xustos e facer do mundo un lugar mellor. Esta estraña e tráxica dicotomía é visible ao longo de toda a obra, onde por suposto a xenofobia e o medo ao descoñecido e ás represalias acaparan boa parte das súas máis de trescentas páxinas, pero tamén hai lugar para o perdón e a esperanza.

Komic Librería: El informe de Brodeck

Xa que logo recomendámosvos vivamente a lectura de El informe de Brodeck, non só polo que conta, senón tamén polo xeito de facelo, cunha narración que dosifica a intriga de maneira maxistral apoiada no sobresaínte traballo gráfico de Larcenet, cun estilo sobrio e poético que vos deixará coa boca aberta, maís realista ca nunca. A súa mestría á hora de recrear as paisaxes e os personaxes, o seu acerto á hora de empregar os silencios e a redondez do relato fan deste libro un título imprescindible.


Komic Librería: El informe de Brodeck

El informe de Brodeck (Integral)
Manu Larcenet

Norma Editorial
Tomos: 1