Cortázar, de Jesús Marchamalo e Marc Torices: retrato dun enormísimo cronopio
Durante os últimos meses comentamos en repetidas ocasións o bo momento que está a atravesar a banda deseñada de carácter biográfico. Raro é o mes no que non apareza un ou varios títulos adicados a narrar a vida dalgunha figura salientable, personaxes relevantes en eidos tan distintos como a pintura, a política, as ciencias, o compromiso social ou a literatura, como é o caso que hoxe nos ocupa. Cortázar é un novo exemplo da bonanza na biografía gráfica que reúne ademais, dun xeito marabilloso, varias das nosas filias: un debuxante a quen seguimos dende hai tempo con atención (Marc Torices) emprega un xeito de expresión artística que nos fascina (a historieta) para reproducir os episodios vitais que o xornalista Jesús Marchamalo destaca do noso escritor preferido (Julio Cortázar). Pouco máis podíamos pedir.
Mais calquera idea preconcebida salta polos aires ao mergullarse nas páxinas deste fermoso libro. Con elegancia, agarimo e orixinalidade os seus autores percorren a enfeitizante vida do escritor arxentino que naceu en Bruxelas e morreu en París. Constrúen, pode que mesmo sen sabelo, un agasallo extraordinario para tódalas persoas que queremos, tanto, tantísimo, a Julio. E, ao mesmo tempo,abren unha porta de entrada magnífica para aquelas que non coñezan o mundo de Cortázar.
O autor de Rayuela foi un dos máximos representantes do chamado boom da literatura hispanoamericana a mediados do século XX, xunto a outros escritores como García Márquez, Carlos Fuentes ou Vargas Llosa. A súa famosa novela (ou contranovela) converteuse, case de xeito inmediato trala súa publicación en 1963, nunha obra de culto pola súa temática e pola súa estrutura. O realismo máxico agochado no cotián atopou nos seus contos un lugar perfecto para deixarse ver. As grandes paixóns do propio narrador, como foron a música, os xogos (lúdicos, de palabras, de perspectivas), ou o compromiso político enchoupan toda a súa obra, facendo dela algo único e trazando cos seus lectores e lectoras unha relación case persoal, case individual, difícil de aprezar noutros casos e que elevou a Cortázar á categoría de mito.
A súa vida estivo chea tamén de intres máxicos, de encontros e desencontros, de viaxes e de coincidencias sorprendentes. Julio, arxentino convertido en francés adoptivo, altísimo, con aspecto de eterno adolescente, melómano e fumador empedernido, soñador idealista, viviu os seus case setenta anos coa sombra do azar como compañeira habitual, pero sobre todo con coherencia e liberdade. E con este mesmo espírito Marchamalo e Torices levan ás viñetas os momentos que consideran máis importantes da existencia cortazariana.
Salientamos o traballo do guionista, que afrontou a difícil tarefa de facer a escolla destes intres para escribir o seu relato. Evidentemente, cunha vida tan rica en anécdotas como a que tivo Cortázar resulta imposible, para o coñecedor ou coñecedora da súa traxectoria, non botar algunha en falla, pero consideramos que Marchamalo realizou un gran traballo na súa selección e ofrece unha visión bastante achegada do que foi e do que é o escritor arxentino.
Pero, especialmente, declarámonos marabillados e complemente abraiados polo traballo gráfico de Marc Torices, que, malia a súa xuventude, confirma (e sobrepasa) as expectativas que sobre el creamos tras ler varias das súas obras anteriores. Neste libro, o seu primeiro proxecto de grande extensión, realizado ao longo de dous anos, mostra todo o seu talento cunha auténtica exhibición de recursos e estilos diversos. Cunha liberdade creativa que, de seguro, sería moi do gusto de Julio Cortázar, Marc experimenta, procura, espreme e xoga cos recursos da novena arte dun xeito sempre acertado e imaxinativo. Desta maneira a constución das páxinas, os recursos narrativos que emprega, o cromatismo do álbum, a súa portada…todo, todo, absolutamente todo encaixa á perfección co ronsel deixado pola vida e obra do xenial escritor.
A excelente edición de Nórdica, que coida ata o máis pequeno detalle, fai xustiza ao fenomenal traballo dos seus autores e presenta un artefacto, un obxecto, que é xa en si mesmo unha obra de arte coa que deleitarse, pero que ademais contén boa parte do legado dun escritor querido e admirado coma poucos. Sen dúbida atopámonos ante unha das obras máis fermosas editadas en moito tempo, un libro que deixa en nós un enorme pouso de agradecemento cara a Jesús Marchamalo e Marc Torices. Así pois só nos queda recomendaros a súa lectura, e, por suposto, a das obras de Cortázar, agardando que vos guste(n) tanto como a nós.
Cortázar
Jesús Marchamalo / Marc Torices
Nórdica
Tomos: 1