Ether, de Matt Kindt y David Rubín: á descoberta dunha dimensión nova

Ether. La muerte de la última Llama Dorada


¡Komiqueiras y komiqueiros! Temos o gustazo de vos anunciar unha nova visita de David Rubín a Komic Librería. Poucos meses despois da publicación Gran Hotel Abismo o prolífico autor ourensán retorna cunha historia completamente distinta, Ether. La muerte de la última Llama Dorada, un relato fantástico realizado para o mercado estadounidense con guión de Matt Kindt. A cita, o vindeiro venres 21 de abril a partires das 18:00 horas. Non volo perdades!

Un misterioso asasinato altera a harmonía da máxica dimensión do Ether, e as autoridades de Agartha, a súa capital, encargan a investigación sobre este suceso a Boone Dias, un humano investigador que leva toda a súa vida a explorar este mundo imaxinario. Coa axuda de Glum, o simiesco gardián da encrucillada que leva ata o Ether, o noso protagonista segue as pistas que vai atopando coa súa fe cega na ciencia e a razón. A medida que avanza nas súas pesquisas imos ir descubrindo máis cousas deste abraiante universo e tamén da propia historia persoal do noso protagonista.

Ether. La muerte de la última Llama Dorada

Este apetecible argumento é o resultado da unión de dúas mentes inquedas e imaxinativas, excepcionalmente creativas, como son as de Matt Kindt e David Rubín. Se ben o artista ourensán non precisa presentación, do seu «cómplice» guionista debemos salientar títulos anteriores tan interesantes como Super Spy, Revolver ou 3 relatos (La historia secreta del hombre gigante). E a forza que tanto un coma o outro adoitan aportar ás súas obras está ben visible en Ether. La muerte de la última Llama Dorada.

Como creadores aceptan encantados o marabilloso reto de deseñar unha nova dimensión partindo de cero, e ademais presentala a través dunha reviravolta narrativa: facendo dun escéptico científico o noso «guía turístico» particular por este mundo máxico. Esta irónica idea, xunto cunha chea de ideas orixinais e personaxes ben construídos, fai que trala súa lectura fiquemos cunhas ganas enormes de coñecer máis sobre Ether.

Ether. La muerte de la última Llama Dorada

A dualidade antagónica entre a ciencia e a maxia, a razón empírica e a fantasía, funciona como motor desta atípica historia que conxuga o xénero detectivesco co de aventuras fantásticas. De feito podemos considerar a Boone Dias como unha mestura entre Indiana Jones e Sherlock Holmes, pero cunhas características propias que o convirten nun personaxe moi interesante (e máis cando descubrimos os sacrificios aos que o levou a súa obsesión polo Ether).

Salientamos así mesmo o excelente traballo gráfico de David Rubín, que segue a demostrar unha progresión continua no seu debuxo e na cor (coa colaboración de Kike J. Díaz na separación), ademais dun grande acerto á hora de escoller os proxectos nos que se embarca.

Ether. La muerte de la última Llama Dorada

Na coidada e asequible edición publicada por Astiberri recóllense os cinco números deste primeiro ciclo editado por Dark Horse nos Estados Unidos, atopamos un prólogo do propio Matt Kindt e uns interesantes extras con bosquexos e deseños de personaxes comentados por David Rubín que nos achegan cunha perspectiva moi próxima ao proceso creativo. Ingredientes que aumentan o pracer desta lectura chea de intriga, emoción e acción.

Lembrade: este venres, día 21 de abril, a partires das 18:00 horas, David Rubín asinará exemplares desta magnífica obra en Komic Librería. Agardámosvos!


Ether. La muerte de la última Llama Dorada

Ether. La muerte de la última Llama Dorada
Matt Kindt / David Rubín

Astiberri
Tomos: 1