Fragmentos seleccionados, de Andrés Magán: a confirmación dun autor único

Komic Librería: Fragmentos seleccionados


Presentámosvos hoxe a nova obra do vigués Andrés Magán, Fragmentos seleccionados, un álbum que supón unha sorprendente viaxe para o lector, un convite para entrar no seu persoal e fascinante universo que o propio autor presentará en Komic Librería o vindeiro venres 7 de abril.

Komic Librería: Fragmentos seleccionados

Sen dúbida un dos aspectos máis agradecidos de ser libreiro de bd na Galicia de hoxe en día é poder asistir dende un lugar privilexiado á irrupción e evolución dunha chea de autoras e autores interesantísimos. Voces novas que dende hai máis dunha década non deixan de agromar e nos sorprender co seu talento. Entre elas atopamos a de Andrés Magán, un creador cun estilo moi persoal que nos enfeitiza e que vén de publicar, nunha fermosa edición a cargo da editora catalá Apa-Apa, a súa obra máis extensa polo de agora: Fragmentos seleccionados.

Komic Librería: Fragmentos seleccionados

Como ben indica o seu título estamos perante unha colección de anacos, de historias ou de momentos, fragmentos hipnóticos que atrapan ao lector e que o introducen nun universo abraiante, cun certo aquel desacougante ou turbador, pero sempre interesante. Bo exemplo disto é a súa magnífica contraportada, onde cunha gran economía de medios presenta unha intrigante situación en poucas viñetas.

Komic Librería: Fragmentos seleccionados

Xa no seu interior asistimos a escenas moi distintas, intres que mostran a fraxilidade ou a determinación dos personaxes como son as explicacións tras unha fiestra rota, o comezo dunha entrevista, un paseo dificultado pola abafante calor ou a viaxe (pode que iniciática, pode que final) dun corcovado. Atopamos tamèn interesantes reflexións sobre o proceso creativo (nunha das nosas partes preferidas deste libro) e mesmo experiencias de aprendizaxe.

Komic Librería: Fragmentos seleccionados

Todo este universo aparece debuxado dun xeito formalmente impecable, cun trazo maiormente xeométrico no que aprezamos a continua evolución deste autor único. A forza das súas imaxes e, sobre todo, das ideas que transmite e suxire provoca unha estraña sensación de sosego e de intriga no lector.

Komic Librería: Fragmentos seleccionados

Cremos que non nos trabucamos se consideramos a Andrés Magán un ourive da viñeta, polo elaborado e fermoso da súa proposta, pola capacidade que ten de ir pulindo a súa idea inicial ata desbotar dela todo o que sexa superfluo.

Komic Librería: Fragmentos seleccionados

Cando, hai dous anos e medio, vos falamos doutro dos seus títulos, Griza Zono, rematabamos o noso comentario expresando o enorme interese que tiñamos nos seguintes pasos deste autor, interese que as súas obras posteriores foron xustificando plenamente e que estes Fragmentos seleccionados confirman e multiplican.

Komic Librería: Fragmentos seleccionados

Lembrámovos que este vindeiro venres 7 de abril, a partir das 18:00 horas, teremos a oportunidade de contar coa presenza do propio Andrés Magán en Komic Librería para presentar e asinar exemplares deste marabilloso libro: agardámosvos!


Komic Librería: Fragmentos seleccionados

Fragmentos seleccionados
Andrés Magán

Apa-Apa
Tomos: 1