De tripas y corazón, de Pozla: a banda deseñada como terapia

Komic Librería: De tripas y corazón


Non é a primeira vez, nin será a última, que alguén emprega a banda deseñada para narrar algunha complicada experiencia médica. Co obxectivo de compartir as súas vivencias e tamén como xeito de exorcizar o medo, a intranquilidade ou a dor que pode conlevar a enfermidade foron chegando aos noso andeis obras tan rechamantes e interesantes como Píldoras azules (Frederik Peeters), Majareta (Ellen Forney), El nao de Brown (Glyn Dillon) ou as actualmente indispoñibles El paréntesis (Élodie Durand) e máis Epiléptico (David B.). Títulos que, ao ser vividos –case sempre– en primeira persoa polos seus autores posúen unha sinceridade e unha forza tremendas.

Komic Librería: De tripas y corazón

Chega agora ás nosas mans un novo álbum destas características no cal o historietista e animador francés Pozla conta as súas vivencias coa enfermidade de Crohn, a inflamación grave da parede do intestino delgado que lle foi diagnosticada tras anos e anos de fortísimas dores e problemas de saúde sen que ningún médico atopara a razón dos seus males.

Komic Librería: De tripas y corazón

Con agradecida franqueza e moito humor para quitarlle ferro á gravidade do seu caso Pozla convídanos a que o acompañemos na descoberta da súa doenza, na complicada operación á que foi sometido e na delicada hospitalización posterior. Durante a súa convalecencia, ademais do continuo e fundamental apoio da súa familia e amigos (especialmente da súa compañeira Maé e da súa filla Billie), aférrase ao seu caderno de debuxo como se dun salvavidas se tratase, definido por el mesmo coma «o meu compañeiro de aventuras, a miña válvula de escape, a miña cuspideira... un analxésico moi potente co poder de absorber o meu sufrimento, distorsionar o tempo, borrar o meu corpo e transportarme».

Komic Librería: De tripas y corazón

Ao longo das máis de 350 páxinas das que consta De tripas y corazón vivimos con Pozla as súas dúbidas e incertezas, os triunfos e tamén os fracasos na súa procura da curación nun testemuño que conmove, ensina e, extrañamente, tamén divirte, na que é unha das grandes cualidades deste relato. E todo isto cun estilo gráfico tremendamente imaxinativo, versátil, dinámico, efectivo e cheo de liberdade, cunha utilización ocasional moi interesante das cores nunha obra principalmente en branco e negro.

Komic Librería: De tripas y corazón

Queda clara, tanto na exposición da experiencia vital como na súa plasmación en imaxes, a importancia desta obra para o autor, a relevancia de compartir a súa situación como unha maneira de pasar páxina ou de soltar lastre cunha xenerosidade que lle valeu o premio especial do xurado no Festival de Angoulême no ano 2016.

Komic Librería: De tripas y corazón

Unha obra chea de valentía na que Pozla decide espirse por completo realizando unha historia que servirá de apoio e vía de coñecemento para o persoal médico e outr@s pacientes desta doenza (máis común do que semella), pero ao mesmo tempo un relato cheo de humanidade que pode cativar a todo tipo de lectoras e lectores.


Komic Librería: De tripas y corazón

De tripas y corazón
Pozla

Dibbuks
Tomos: 1