Aleida, cidade sen alma, de Víctor Boullón: intriga e aventura na Compostela medieval

Komic Librería: Aleida, cidade sen alma


Temos o inmenso pracer de vos presentar hoxe a primeira obra de Víctor Boullón, un novo autor que vai dar moito que falar e que nos achega unha estupenda historia de intriga e aventura ambientada na Compostela medieval e dirixida cara o público xuvenil. Dámoslle a benvida, xa que logo, a Aleida, cidade sen alma.

Komic Librería: Aleida, cidade sen alma

Son moitos os acertos que posúe este título, tantos que dende Komic Librería decidimos ampliar a nosa colaboración con Demo Editorial (coa que coeditamos varias coleccións) e participar activamente na súa publicación. Así pois, tras un longo proceso, temos o gustazo de vos anunciar a vindeira chegada de Aleida, cidade sen alma, unha banda deseñada que vai dirixida cara lectores e lectoras a partires dos nove anos pero que é tamén unha lectura estupenda para o público adulto.

As súas páxinas lévannos ata a Compostela de finais do século XII, un momento moi interesante da súa historia onde a cidade se asenta mentras o arcebispado compite co de Braga polo predominio no noroeste peninsular. Ata alá chega o construtor e canteiro León xunto coa súa filla Aleida para traballar nas obras de reforma da Catedral, dirixidas polo Mestre Mateo.

Komic Librería: Aleida, cidade sen alma

Mentras levan a cabo os traballos de remodelación acontece un misterioso asasinato no altar maior da mesma Catedral, aterrando á cidade enteira e espertando a curiosidade de Aleida, que non poderá ficar queda e decidirá investigar máis polo miúdo, comezando así unha arriscada aventura coa axuda do clérigo Casto e de Lucas, compañeiro do seu pai.

Intriga, acción e loitas polo poder danse a man nesta agradecida e voluntariosa opera prima, debuxada cun estilo moi dinámico e atractivo e que está chamada, por méritos propios, a ser un dos títulos máis rechamantes da banda deseñada galega neste 2016. Agardamos que vos guste moito!


Komic Librería: Aleida, cidade sen alma

Aleida, cidade sen alma
Víctor Boullón

Demo Editorial / Komic Librería
Tomos: 1