Mujer, de Los Bravú: liberdade creativa con moito flow

Komic Librería: Mujer


Presentámosvos hoxe a nova obra dese marabilloso tándem que son Los Bravú, Mujer, toda unha avalancha artística que non deixará a ninguén indiferente e na que Dea e Diego expoñen a súa versatilidade a través da pintura, a banda deseñada, a escultura ou a fotografía. Un catálogo exuberante e fermosísimo que sae do prelo nunha coidada edición (como non podía ser doutro xeito estando Fulgencio Pimentel tras dela). Aproveitamos para anunciar que Los Bravú estarán en Komic Librería o vindeiro venres 1 de xullo, a partir das 18:00 horas, para presentar esta tremenda marabilla: non faltedes!

Komic Librería: Mujer

Cada unha das case cen páxinas das que consta Mujer transmite unha feliz, irreverente e refrescante sensación de liberdade creativa que fai da súa lectura unha experiencia abraiante. En realidade máis que de lectura deberiamos falar dun gozoso paseo, como se dun museo se tratase, xa que este libro funciona como un colector de ideas e distintos xeitos de expresión artística, como un catálogo polifacético no que cómpre mergullarse sen prexuízos nin complexos, unha amalgama enfeitizante e coherente na que imos atopar ilustracións, pequenas historias de bd, diversas fotografías e mesmo mostras do traballo escultórico desta parella que nos ten namorados dende que os coñecimos co estupendo Toreromaus (Fulgencio Pimentel, 2014) .

Komic Librería: Mujer

Esta heteroxeneidade demostra a inquedanza e a efervescencia creativa de Los Bravú e convértese, xunto coa sorprendentemente natural mestura de modernidade e clasicismo, nunha das características principais de Mujer. Deste xeito preparan un saboroso cóctel no que teñen cabida seres mitolóxicos e redes sociais, desexos e conflitos, estampas bucólicas, acertadas reflexións, dinosauros e mulleres de carácter poderoso. Todo cunha proximidade e inmediatez tremendas, como se no canto de pasar as páxinas estiveras a navegar a través dunha pantalla táctil.

Komic Librería: Mujer

As historias, ou os anacos de historias que nos presentan, son fragmentos cargados de retranca e dunha prosa moi potente nos que vemos intres das vidas dos distintos personaxes que rachan co elemental esquema narrativo de introdución-nó-desenlace deixando a porta aberta para que imaxinemos os antes e os despois. Manteñen o seu estilo pictórico deliberadamente inocente -case naif- pero, a diferenza do resto da súa obra, neste volume a espectacular variedade de cor sorprende e fascina, con pinturas acrílicas dunha excéntrica fermosura.

Komic Librería: Mujer

Non podemos rematar de falar deste libro sen comentar a súa espectacular edición, da que son responsables os amiguetes de Fulgencio Pimentel, de novo cómplices de Los Bravú nesta nova aventura artística: encadernación en dípticos que aporta máis corpo ao tomo, solapas, un papel perfecto... Así pois, lembrade: Mujer non é un libro convencional. Mujer é unha obra de arte en si mesma. Mujer é unha xoia. Mujer é a última marabilla parida polos  Bravú.


Komic Librería: Mujer

Mujer
Los Bravú

Fulgencio Pimentel
Tomos: 1