Che, una vida revolucionaria, los años de Cuba, de Anderson e Hernández: un achegamento distinto e próximo a unha figura mítica

Komic Librería: Che, una vida revolucionaria, los años de Cuba


Raro é o mes no que entre as novidades editoriais non apareza un ou varios títulos narrando a vida dalgún personaxe real. Dun tempo a esta parte o xénero biográfico está a atopar un medio expresivo perfecto que nos ten agasallado xa cunha morea de lecturas interesantes. Ás veces resultan atractivas estas biografías pola persoa da que falan, outras por como están construídas, e mesmo hai casos nos que coinciden as dúas circunstancias. Pensamos sinceramente que o álbum que hoxe comentamos, Che, una vida revolucionaria, los años de Cuba, pertence a este último grupo.

Komic Librería: Che, una vida revolucionaria, los años de Cuba

E todo isto malia ter a dificultade de tratar a controvertida figura do Che, un dos persoeiros máis salientables da historia do século XX, un idealista médico e guerrilleiro que pasou a ser unha auténtica icona revolucionaria e do cal a súa vida ten sido obxecto de estudo e crítica en numerosos libros, publicacións, documentos audiovisuais e, por suposto, tentativas de levala ás viñetas en máis dunha ocasión. Autores tan distintos como Breccia (Che. Vida de Ernesto Che Guevara), Magnus (El hombre que mató al «Che» Guevara), Wozniak e Charles (¡Libertad!, Che Guevara) ou Marco Rizzo («Che» Guevara. La novela gráfica) plasmaron nas súas páxinas os ideais, as contradiccións e as loitas deste arxentino universal, mais atopamos varios motivos que diferencian e fan que salientemos especialmente esta novela gráfica que vén de publicar a editora mexicana-española Sexto Piso.

Komic Librería: Che, una vida revolucionaria, los años de Cuba

No ano 1997 o xornalista estadounidense Jon Lee Anderson publicou un ensaio, do mesmo título que a obra da que hoxe vos falamos, que pasou inmediatamente a ser considerada a mellor e máis completa biografía do Che xamais escrita. Anderson tivo acceso privilexiado aos diarios do protagonista, á súa correspondencia e aos arquivos do goberno cubano, ademais de contar coa colaboración de moitas persoas próximas ao Che, entre elas a súa viúva Aleida March. E agora, case vinte anos despois, o ilustrador e caricaturista mexicano José Hernández acepta con valentía e atrevemento a difícil tarefa de adaptala, coa colaboración do autor orixinal, á novena arte. O seu proxecto plantexa realizar unha triloxía da cal vos presentamos hoxe a súa primeira entrega (que cronoloxicamente sería a segunda), centrada nos seus anos en Cuba.

Komic Librería: Che, una vida revolucionaria, los años de Cuba

Deste xeito o álbum comeza coa partida do porto de Tuxpan do mítico Granma, o barco que levou aos rebeldes de México a Cuba, e remata co avión que o Che toma para partir da illa caribeña cara o Congo. A intención de José Hernández non era a de facer outra biografía ilustrada, non, senón adaptar a gran historia que conta o ensaio de Anderson e facer que o lector ou lectora sexa testemuña directa dos acontecementos que viviu o Che en Cuba. Ao ter a base das investigación do xornalista estadounidense gran parte do libro está contado directamente polo seu protagonista, polos seus propios escritos, ben procedentes do seu diario, ben da súa correspondencia coa súa nai ou con Fidel Castro. Isto fai que vivamos as súas experiencias e sentimentos, tanto as máis coñecidas como as máis íntimas e persoais, cunha notable proximidade entre a obra e os seus lectores, que máis que ser espectadores dunha vida convertímonos en compañeiros do utópico comandante, como se o acompañaramos en todo intre dende un lugar privilexiado.

Komic Librería: Che, una vida revolucionaria, los años de Cuba

Ademais desta intelixente, completa e cercana maneira de introducirnos na vida co Che Guevara hai outro grande argumento que fai deste libro unha obra moi recomendable: o fantástico traballo gráfico de José Hernández, que centra o seu debuxo nas persoas que desfilan (entre as que recoñecemos sen problema a Fidel Castro, ao seu irmán Raúl, a Khrushchev, a Nixon e a Kennedy, a Sarte e a Simone de Beauvoir, e, por suposto, ao propio Che) polas súas 170 páxinas cun estilo realista, case que fotográfico, de gran expresividade, dándolle menor importancia aos fondos ou escenarios onde transcorren os acontecementos e coloreando as viñetas con tonalidades escuras e un gusto exquisito.

Komic Librería: Che, una vida revolucionaria, los años de Cuba

Xa que logo estamos perante unha lectura interesantísima e moi recomendable (e máis nos tempos actuais, onde tristeiramente o idealismo e a utopía viven intres moi baixos) que recupera dunha maneira precisa e documentada, pero ao mesmo tempo moi próxima, a un personaxe fundamental.


Komic Librería: Che, una vida revolucionaria, los años de Cuba

Che, una vida revolucionaria, los años de Cuba
Jon Lee Anderson / José Hernández

Sexto Piso
Tomos: 1