Paciencia, de Daniel Clowes: amor desesperado ata as últimas consecuencias

Komic Librería: Paciencia


Rematamos o mes de febreiro por todo o alto coa chegada a Komic Librería dun título moi agardado, a última –e máis extensa– obra dun nome fundamental do cómic independente norteamericano: Daniel Clowes, que con Paciencia presenta un thriller fantástico coa idea do amor eterno coma eixo central.

Disque a vida consiste en aprender a gañar e, sobre todo, aprender a perder. Sobrevivir á ausencia de persoas, obxectos, lugares ou situacións é algo que tod@s debemos afrontar, antes ou despois. E hai maneiras e maneiras de facelo. Quen non soñou algunha vez con poder retroceder no tempo para arranxar algo do pasado?

Komic Librería: Paciencia

O responsable de títulos como Ghost World ou David Boring xoga con esta probabilidade e volta aos nosos andeis da man da editora rioxana Fulgencio Pimentel, que publica por vez primeira a este autor e segue a aumentar o seu gorentoso catálogo con álbumes como Paciencia, un emocionante e obsesivo thriller coidadosamente editado que mestura o amor e a ciencia-ficción e no que Clowes plantexa temas moi interesantes.

A través das súas 180 páxinas asistimos á historia de Jack e Paciencia, unha parella de almas solitarias que atopan na súa relación o seu lugar no mundo, mesmo agardan un bebé cando a traxedia, unha vez máis, fai presenza nas súas vidas do xeito menos agardado.

Komic Librería: Paciencia

Este novo e cruel golpe do destino converte a Jack nun home amargado e cheo de rancor que, dezasete anos despois do acontecemento que mudou a súa vida para sempre atopa unha pequena e improbable posibilidade de desfacelo. O seu pesar, máis o seu amor por Paciencia, fan que o arrisque todo nunha viaxe fantástica na que só importa o obxectivo final.

Komic Librería: Paciencia

Con estes vimbios Clowes aproveita para afastarse da súa narración tradicional (se obviamos o seu relato El rayo mortal) ao mesmo tempo que mantén algunha das constantes da súa traxectoria, coma o gusto polos personaxes marxinais. O dúo protagonista, ao igual que gran parte dos secundarios que aparecen en Paciencia, son boas mostras da inseguridade e do desacougo vital, polo que non é de estrañar que Jack loite con unllas e dentes por recuperar os únicos intres da súa existencia nos que foi feliz.

Komic Librería: Paciencia

A súa obsesión por modificar o pasado fainos reflexionar sobre a aceptación ou non do que perdemos, sobre o peso que as nosas acción teñen no noso futuro e tamén sobre se a fin xustifica os medios. E todo isto contado dunha maneira emocionante e descarnada nunha historia na que Clowes realiza algunha das páxinas máis psicodélicas da súa carreira e mantén a intriga ata o final, nun bo exemplo da madurez dun artista que, sobrepasada a barreira dos cincuenta anos, demostra que aínda ten moito que contar. E benvido sexa.


Komic Librería: Paciencia

Paciencia
Daniel Clowes

Fulgencio Pimentel
Tomos: 1