La Resistencia: tropezando outra vez na mesma marabillosa pedra

Komic Librería: La Resistencia #01


Presentámosvos hoxe o primeiro número de La Resistencia, unha nova tentativa de sacar adiante unha revista de cómic. Unha iniciativa chea de ilusión e voluntarismo que chega ás librarías cunha nómina espectacular de autores.

Komic Librería: La Resistencia #01

Ao igual que moitos e moitas de vós gardo un lugar especialmente agradecido na miña memoria para un formato fundamental na miña pequena historia como lector de tebeos: as revistas. Fuera Borda, Mortadelo, Zona 84, Cimoc, Makoki, El Víbora, Barsowia, BdBanda ou El Manglar forman parte esencial da miña experiencia lectora, permitíndome gozar con distintos personaxes e autores e descubrindo por primeira vez a outros moitos.

Komic Librería: La Resistencia #01

No tempo que estamos a vivir, onde convive o nivel altísimo da edición convencional (nunca antes houbera unha variedade tal de estilos gráficos, de temáticas, de autores e autoras) cun rexurdimento do faino ti mesmo, a autopublicación e os fanzines, a revista é un formato que semella ficar esquecido e non existir máis aló da memoria e da nostalxia.

Komic Librería: La Resistencia #01

Pero sempre hai irredutibles galos que resisten agora e sempre ao invasor e confían na súa validez, mesmo na actualidade. Sen ir máis lonxe pensamos nos amiguetes de Altar Mutante ou Compota de Manatí. E por este mesmo motivo, para demostrar que unha publicación con distintas historias curtas é factible, un grandísimo entusiasta como Juanjo el Rápido, acompañado por Ricardo Esteban (cabeza visible de Dibbuks) na edición e por Lorenzo Gómez no deseño e maquetación, lánzase de novo ao baleiro co primeiro número de La Resistencia, o enésimo proxecto revisteiro de nome nada casual.

Komic Librería: La Resistencia #01

Juanjo, todo un «resistente» da viñeta (estivo tras proxectos tan rechamantes coma Tos, Humo ou Idiota), cun criterio e cun voluntarismo a proba de bombas, rodéase dun elenco de autores dos que quitan o hipo, onde, ademais de a el mesmo, atopamos vellos coñecidos como Juan Berrio, Miguel Ángel Martín, Manel Cráneo (que aporta unha nova historia ambientada no universo do Planeta Mincha), Miguel B. Núñez, Fermín Solís ou Álex Fito (espectaculares as catro páxinas nas que homenaxea ao manga, ao cómic estadounidense, á bd europea e á historieta española). Unha gran selección de autores, na que, todo hai que dicilo, botamos en falla a presenza dalgunha das numerosas autoras que temos a día de hoxe no tebeo español, que tocan paus moi diversos (ciencia-ficción, humor, costumismo, surrealismo…) deixando un gran sabor de boca a aquelas persoas que se acheguen ás súas 80 páxinas.

Komic Librería: La Resistencia #01

Xa que logo damos a benvida a esta nova publicación, coa arela de seguir a gozar coas súas historias e desexándolle un estupendo futuro.


Komic Librería: La Resistencia #01

La Resistencia #01
VV.AA.

Dibbuks
Tomos: 1