Esteban, de Mathieu Bonhomme: un heroe adolescente na fin do mundo

Komic Librería: Esteban (Integral)


Coa publicación do segundo tomo integral complétase o primeiro ciclo narrativo de Esteban, unha atractiva historia de aventuras marítimas ambientada na Patagonia de comezos do século XX. Esta viaxe iniciática dun rapaz indio a bordo dun navío baleeiro está chea de emoción, acción e arrecendo a mar, o que, unido ao seu dinámico debuxo, fai dela unha lectura perfecta para amantes do xénero de tódalas idades.

Komic Librería: Esteban (Integral)

Hai máis ou menos un ano levamos unha agradable sorpresa ao descubrir as aventuras de Esteban, un mozo nativo da ruda Terra do Fogo que se enrola no Leviatán, un barco adicado á caza da balea, no ano 1900. Unha época e un lugar difíciles para ser rapaz, polo que terá que madurar e aprender para poder seguir adiante. Coñeciamos o bo traballo gráfico do seu autor, o francés Mathieu Bonhomme, por obras anteriores como El marqués de Anaon ou Omni-visibilis, pero eramos alleos ás súas capacidades como narrador, destrezas que quedan demostradas ao embarcarse nunha historia complexa e atípica como a que hoxe nos ocupa.

Komic Librería: Esteban (Integral)

Ao igual que outros títulos (sen ir máis lonxe El puerto prohibido, recentemente comentado nesta página) en Esteban atopamos unha modernización do clásico, un relato herdeiro da narrativa de Jack London ou Herman Melville no que espreitamos ao home fronte a unha natureza dura e difícil que é o escenario e o motor da súa andaina, unha historia que recolle elementos recorrentes do xénero de aventuras pero que vai máis aló.

Komic Librería: Esteban (Integral)

E é que son moitos os atractivos que atopamos na travesía do intrépido Esteban, dende a coidada construción dos personaxes ata a crítica social presente no tratamento que os colonizadores brancos reservan aos nativos, pasando pola documentada reprodución da vida e das tarefas a bordo dun gran baleeiro.  Isto último é outro punto importante da historia, xa que a tripulación do Leviatán, un barco de madeira a vela, conserva o romanticismo do seu traballo –arponean a man e son conscientes da necesidade dun equilibrio na explotación dos recursos- e o respecto polos animais que cazan e polo mar en xeral, sentimentos que aparecen confrontados co progreso a toda costa que representa un barco a vapor que emprega un canón explosivo para cazar e que non posúe a mesma consideración polo ecosistema mariño que os nosos protagonistas.

Komic Librería: Esteban (Integral)

Nos cinco álbumes que recollen estes dous integrais, realizados dende 2005 ata 2015, Bonhomme engancha aos lectores e lectoras cun texto intelixente cheo de xiros narrativos que aportan emoción, ritmo e intensidade á historia, pero tamén cun fermoso debuxo, limpo e traballado, estupendamente coloreado por Delphine Chedru, que nos transporta áos fríos mares austrais onde o Leviatán e os seus homes loitan por sobrevivir.

Komic Librería: Esteban (Integral)

E para rematar non podemos deixar de falar do personaxe que dá título á obra, alguén que é xa un dos nosos personaxes preferidos, pola súa valentía e capacidade de afrontar as adversidades, polo seu carácter amable e sinxelo, pola súa lealdade aos seus compañeiros e tamén polo gran coñecemento que ten das lendas orais da súa tribo.  Esteban, un heroe adolescente que enfeitizará a tod@s aqueles que vos mergulledes nas súas aventuras.


Komic Librería: Esteban (Integral)

Esteban (Integral)
Mathieu Bonhomme

Norma Editorial
Tomos: 2