El puerto prohibido, de Teresa Radice e Stefano Turconi: unha aventura clásica chea de poesía, música e intriga

Komic Librería: El puerto prohibido


El puerto prohibido é unha agradable e elegante historia de aventuras e misterio ambientada a comezos do século XIX, cun gran sabor clásico e un excelente debuxo que lembra aos grandes títulos do xénero.

Atopámonos nos comezos do século XIX, en plenas Guerras Napoleónicas. Os barcos da Royal Navy sucan os mares de todo o mundo en conflito coa armada francesa e na defensa da frota mercante británica. Fondeada nun pequeno porto de Siam, a fragata Explorer vén de sufrir a traizón do capitán Stevenson, que desapareceu levando consigo o importante botín da súa última conquista.

Komic Librería: El puerto prohibido

Ao día seguinte destes acontecementos o primeiro oficial da Explorer, William Roberts, atopa nunha praia a un mozo náufrago sen memoria que non lembra nada agás o seu nome: Abel. O rapaz é acollido a bordo do barco e enrolado como grumete. Pouco a pouco, e malia non recordar o seu pasado, demostra ter unha notable destreza nas tarefas da vida no mar, coñecementos que el mesmo ignora de onde proceden e grazas aos cales viaxará por medio mundo ata retornar a Inglaterra, concretamente ao porto de Plymouth, onde coñecerá ás fillas do capitán desaparecido e comezará a cuestionarse a súa culpabilidade.

A través das irmás Stevenson coñecerá á misteriosa e fermosa Rebecca Riordan, alguén que será de grande importancia no seu proceso por recuperar a memoria, unha difícil viaxe cara o seu interior cun marcado aquel fantástico na que desenvolverá así mesmo un papel relevante o namorado de Rebecca, o capitán Nathan McLeod.

Komic Librería: El puerto prohibido

Con esta complexa trama os autores tecen un novelo onde mesturan o xénero da aventuras navais máis clásico coa intriga e o romantismo, un relato salferido de poesia e cantigas mariñeiras que recrea con precisión a época e o ambiente das súas embarcacións. As máis de 300 páxinas reproducen con xeito o universo narrativo e o espírito mariñeiro das grandes novelas de aventuras marítimas, algo non habitual hoxe en día e que nos transporta directamente ás obras de Stevenson, Verne ou Víctor Hugo, ou a filmes como Master and commander.

Komic Librería: El puerto prohibido

Ademais do seu traballado guión salientamos como un dos grandes valores de El puerto prohibido o seu excelente debuxo, feito totalmente a lapis, cunha enorme expresividade e dinamismo, cun trazo aberto de gran soltura, case abosquexado, como se fora un caderno de viaxe, que funciona moi ben narrativamente e no que a ausencia de tinta permite aprezar perfectamente a súa limpeza e a chea de detalles que contén cada páxina. O estupendo traballo gráfico lémbranos a outra grande obra como é Tres sombras, de Cyril Pedrosa, onde tamén hai partes de ambientación marítima e a fantasía se mestura coa realidade.

Komic Librería: El puerto prohibido

A delicada edición de Dibbuks aposta por unha parella, artística e sentimental, descoñecida por estas terras, que chega directamente dende o seu país sen pasar polo filtro do mercado francófono. E é que, ainda que moitas veces cometamos o erro de centrarnos de mais na bd franco-belga cando pensamos na historieta europea, Italia sempre tivo unha gran tradición na arte secuencial e unha importante nomina de artistas, de Hugo Pratt a Milo Manara, pasando por Gipi ou Manuele Fior, e sen esquecer o feito de que de ali proceden as historias que tanto nos fascinaron a moitos e moitas de nós cando eramos cativos protagonizadas polos personaxes Disney na mítica revista Don Miki.

Precisamente foi nesta publicación onde Teresa Radice e Stefano Turconi comezaron a traballar conxuntamente cos traballados guións dela e o dinámico debuxo del, e agora, tras unha década de produción a catro mans chega ata nós este enfeitizante El puerto prohibido no que vos convidamos a facer escala e descubrir os seus segredos.


Komic Librería: El puerto prohibido

El puerto prohibido
Teresa Radice / Stefano Turconi

Dibbuks
Tomos: 1