Peepshow, de Joe Matt: o exhibicionismo dunha vida patética

Komic Librería: Peepshow


Publícanse por primeira vez en castelán as historias autobiográficas coas que comezou a súa carreira un dos autores máis patéticos, amorais, honestos e divertidos que coñecemos. Benvida sexa a edición de Peepshow, que nos permite descubrir partes da obra de Joe Matt que descoñeciamos.

Joe Matt non é precisamente unha persoa exemplar. Máis ben todo o contrario. Por iso non deixa de resultar rechamante que as súas obras teñan unha máis que notable aceptación, tanto entre o público underground como na crítica. Mesmo chegou a ser nominado a varios premios Harvey coas súas pequenas historias protagonizadas por el mesmo e as súas miserias, e presentadas co clarificador e acertado nome de Peepshow, que é como se chama este libro que recolle as súas primeiras páxinas autobiográficas. Máis tarde esta denominación valeu tamén para a serie de tebeos, igualmente centrados na súa vida, que publicou entre 1992 e 2006. E dicimos o de acertado porque peep show é un concepto que abarca a exposición de fotografías, obxectos ou persoas a través dun pequeno burato ou lente de aumento, pero que habitualmente se refire a un espectáculo erótico ou sexual seguido por un ou varios espectadores. É dicir, exhibicionismo e voyeurismo xuntos nunha mesma cousa.

Komic Librería: Peepshow

E, en certa maneira, isto é o que fai Joe Matt nas súas historietas: exhibirse dun xeito case confesional, mostrarse como unha persoa miserable, un nugallán rañicas que é adicto ao porno e se masturba compulsivamente. Alguén que chega a niveis de patetismo inimaxinable para a maioría das persoas, un ser desprezable que pode chegar a producir vergoña allea. Pero a quen se lle colle, curiosamente, un certo cariño ao ler as súas historias. Non sabemos se é por mágoa, compaixón ou admiración. Pero así é.

Komic Librería: Peepshow

Coñecimos a este autor, nado en Philadelphia pero residente en Canadá durante case quince anos, dende hai tempo, coa publicación, primeiro pola Factoría de Ideas, e posteriormente por parte de La Cúpula, de varios dos escasos títulos que a súa desidia lle permite rematar. Ao achegarnos ás páxinas do agridoce Pobre cabrón ou do melancólico Buen tiempo convertímonos en espectadores do triste espectáculo que resulta ser a súa vida, da que non ten reparos en contarnos ata o máis íntimo episodio, e na que afondamos anos despois coa edición, por parte de Fulgencio Pimentel, de Consumido.

Komic Librería: Peepshow

Hai poucas semanas, e grazas de novo á coidadosa e benquerida editora rioxana, chegaba ás nosas mans esta obra, anterior a todas as demais (son 96 páxinas debuxadas entre 1987 e 1991) e na que podemos atopar a un interesante Joe Matt, descoñecido e inédito ata o de agora. Cunha construción de páxina menos clara e limpa do que nos ten acostumados vemos a un artista máis experimentador, que chega por momentos ao horror vacui realizando páxinas con máis de noventa viñetas e que se atreve con desafíos formais. Asistimos así mesmo ás primeiras aparicións de moitos dos personaxes reais que coñeciamos das súas outras obras: a súa ex-moza Trish, o seu amigo da infancia Dave ou o primeiro encontro cos seus amigos e tamén historietistas Seth (quen, por certo, asina o epílogo desta banda deseñada) e Chester Brown.

Komic Librería: Peepshow

O patetismo de Matt, xunto co estraño humor co que presenta os seus anaquiños vitais, remítenos directamente a un dos seus ídolos: Robert Crumb, toda unha notable influencia e, se cadra, o primeiro grande autobiógrafo comiqueiro, con quen comparte certas obsesións co sexo, o xénero feminino ou a súa educación católica.

Así pois, xa sabedes, se xa coñecedes a súa obra este título vaivos resultar máis que interesante. E se non é o caso aquí podedes atopar a alguén que vos suba a autoestima nos momentos baixos.


Komic Librería: Peepshow

Peepshow
Joe Matt

Fulgencio Pimentel
Tomos: 1