La casa, de Paco Roca: emotivo retrato das relacións familiares

Komic Librería: La casa


Case ao final deste 2015 chega a Komic Librería unha das obras máis agardadas do ano: La casa,  o novo título de Paco Roca, que presenta aquí quizais o seu relato máis persoal e autobiográfico, tratando con elegante delicadeza as relacións e lembranzas dunha familia reunida na súa casa de veraneo. Sen dúbida, un título imprescindible.

Komic Librería: La casa

Cando un autor chega ao nivel de popularidade e de éxito no que se atopa Paco Roca as súas obras son agardadas con grande expectación. Dende a publicación, en 2007, do multipremiado Arrugas, un título sobre o alzhéimer de enorme relevancia social e que mesmo chegou a ser adaptado ao cinema de animación, este valenciano non fixo máis que consolidar e confirmar que é un excelente e versátil narrador. Un autor que é quen de perderse pola borgiana cidade de Las calles de arena e homenaxear á historieta clásica española en El invierno del dibujante, alguén coa capacidade de afondar con sensibilidade no xénero histórico de Los surcos del azar ou de El ángel de la retirada pero tamén coa espontaneidade precisa para contarnos o seu día a día en Memorias de un hombre en pijama. Un ronsel de títulos exitosos do que, sen dúbida, formará parte La casa, a que probablemente sexa a súa obra máis persoal.

Komic Librería: La casa

Se hai unha característica que aprezamos nos relatos de Paco é o agarimo co cal trata as historias que nos vai contar, unha coidada delicadeza que fai que o lector se sinta moi próximo aos personaxes, e neste caso aínda máis, xa que en La casa imos atopar moito do propio autor. O xermolo desta obra son dúas circunstancias vitais importantísimas que coincidiron no tempo: practicamente ao mesmo tempo que Paco Roca estreaba paternidade faleceu o seu proxenitor, e desta confluencia de acontecementos naceu a raíz desta novela gráfica na que transmite a súa propia vivencia e sentimentos.

Komic Librería: La casa

O argumento xira arredor dunha pequena casa de veraneo, abandonada dende a morte do pai da familia, hai xa un ano. Os tres irmáns herdeiros, dous homes e unha muller, volven a ela para limpala e axeitala coa intención de vendela. Este proceso, sumado ao poder evocador dos obxectos gardados nela e da vivenda en si mesma obrigará a cada un deles a recordar moitos momento vividos na casa, e tamén lembrar como e quen era o seu pai á vez que observamos como é a relación entre os irmáns. Cunha sensibilidade emotiva pero realista, sen caer no sentimentalismo barato, Paco Roca constrúe unha historia que nos mostra o paso do tempo dentro dunha familia e que levará a moitos dos seus lectores e lectoras a compartir lugares comúns cos protagonistas do libro.

Komic Librería: La casa

Graficamente o autor optou por un formato paisado, como recentemente fixeron Nadar en El mundo a tus pies ou Miguelanxo Prado e David Rubín en Miguel en Cervantes, coa intención de forzarse a narrar doutro xeito, e o certo é que hai páxinas realmente magníficas dentro de La casa. O entintado en bolígrafo permítelle achegar un estilo máis detallado e realista, semellante ao empregado nas escenas do presente en Los surcos del azar, e a excelente paleta de cores que utiliza acompaña perfectamente ao debuxo.

Komic Librería: La casa

Unha obra emotiva e intimista, arredor das relacións familiares, que non decepcionará ao fiel público habitual de Paco Roca e a calquera lector que se achegue ás súas viñetas.


Komic Librería: La casa

La casa
Paco Roca

Astiberri
Tomos: 1