Pablo y Jane en la dimensión de los monstruos, de Jose Domingo: unha divertida e fabulosa aventura dirixida aos máis cativos

Komic Librería: Pablo y Jane en la dimensión de los monstruos


Coa cantidade de pequenas e pequenos lectores que pasan pola nosa librería estamos máis que encantados de poderlles ofrecer unha obra tan divertida e imaxinativa como este título, o novo álbum do creador da fantástica Aventuras de un oficinista japonés. Unha emocionante aventura protagonizada por dous nenos que o propio Jose Domingo presentará en Komic Librería cun obradoiro para rapaces o vindeiro venres 11 de decembro.

O público infantil está de noraboa coa publicación de Pablo y Jane en la dimensión de los monstruos, o novo libro de Jose Domingo que mestura acción e aventuras cun formato moi entretido dirixido aos máis cativos. Este autor, unha (outra máis) das nosas debilidades, hai anos que atopou o seu estilo propio e dende aquela non fai máis que abraiarnos. Cun debuxo máis figurativo e menos xeométrico encantounos en Cuimhne: el fuego distante, obra de 2008 con guión de Kike Benlloch. Deixounos coa boca aberta ao contarnos as Aventuras de un oficinista japonés (2011), bd excepcional coa que acadou o premio á mellor obra nacional no Salón do Cómic de Barcelona. E dous anos despois fíxonos rir moitísimo coas súas Conspiraciones (aquí podedes ler o que sobre esta obra comentamos nesta páxina).

Sempre inquedo e en constante evolución decide agora dirixirse cara os primeiros lectores con este híbrido de banda deseñada, ilustración e libro de actividades que foi publicado orixinariamente pola prestixiosa editora británica Nobrow e que chega ás nosas mans a través de Astiberri.

Komic Librería: Pablo y Jane en la dimensión de los monstruos

O argumento xira arredor de dous irmáns, Pablo e Jane, que para vencer o aburrimento dunha tarde de domingo adéntranse no único recuncho do barrio que lles queda por explorar: a vella casa do outeiro. Na lóbrega mansión descubrirán ao rato Jules e ao malvado gato Felínibus, dous animais coa capacidade de falar, e tamén a Máquina de Aire Fantástico, un trebello extraordinario e misterioso co cal farán unha terrorífica viaxe á Dimensión dos Monstros.

Trailer de Pablo y Jane en la dimensión de los monstruos, de Jose Domingo

O álbum conta con esta primeira parte narrativa e unha segunda parte que require da participación do lector, con xogos de busca e desafíos varios. Nesta dimensión os protagonistas irán viaxando por distintos lugares: de Londres a México, pasando por Transilvania, Marrakech ou Atenas. Pero non son as cidades ou as rexións que coñecemos, xa que están transmutadas polo macabro aquel desta dimensión e así Pablo, Jane e Jules vanse ver rodeados por todo tipo de criaturas aterradoras ao tempo que, coa colaboración dos lectores, deben ir atopando pezas agochadas da Máquina de Aire Fantástico, necesarias para poder volver ao noso mundo.

Komic Librería: Pablo y Jane en la dimensión de los monstruos

Así pois, as grandes doses de humor e acción aventureira e o seu minucioso e simpático debuxo, ao que temos que unir o seu formato de pasatempo nas páxinas dobres nas que os cativos e cativas teñen que encontrar as pezas perdidas (e máis cousas...), fan deste título unha das mellores recomendacións para que estes primeiros lectores pasen un rato ben entretido.

Lembrámosvos que este vindeiro venres 11 de decembro, ás 18:00 horas, terá lugar en Komic Librería a presentación-obradoiro deste estupendo Pablo y Jane en la dimensión de los monstruos, coa presenza do propio Jose Domingo: agardámosvos!


Komic Librería: Pablo y Jane en la dimensión de los monstruos

Pablo y Jane en la dimensión de los monstruos
Jose Domingo

Astiberri
Tomos: 1