Los equinoccios, de Cyril Pedrosa: maxistral e fermoso catálogo de sentimentos humanos

Komic Librería: Los equinoccios


Regresa a Komic Librería un autor cunha traxectoria artística cada vez máis e máis interesante, un home que xa nos engaiolara con Tres sombras e Portugal. Atrévese agora cunha obra coral de máis de trescentas páxinas, dunha fermosura gráfica impresionante, nas que desenvolve os sentimentos máis íntimos e as relacións humanas dos personaxes. Un libro excelente e conmovedor, dos que tocan realmente por dentro aos seus lectores e que é, sen dúbida, unha das lecturas obrigadas deste 2015.

Komic Librería: Los equinoccios

De cando en vez chegan as nosas mans obras das que resulta moi difícil falar pola cantidade de sentimentos e ideas que espertan en nós trala súa lectura. E a nova obra de Cyril Pedrosa, Los equinoccios, é unha delas. Secuencias mudas, textos narrativos e banda deseñada comparten espazo nunha enleada de viaxes interiores, de anaquiños vitais. Polas súas páxinas camiñan devagar numerosos personaxes con cadansúas derivas, frustracións, buscas e soños que no fondo non deixan de ser o mesmo: saber cal é o noso lugar no mundo.

Komic Librería: Los equinoccios

Esta múltiple espiral intimista chea de existencialismo estrutúrase a través de catro grandes capítulos, un por cada estación do ano, nos cales seguimos as vidas de dous dos seus protagonistas: Vincent, un escéptico e cínico ortodoncista de mediana idade, separado e cunha filla adolescente, e Louis, un ex-militante político xubilado que vive o seu retiro rodeado de libros e desencantado da política. Únese a eles un variado elenco co cal gardan, ben Vincent, ben Louis, algún tipo de relación directa ou indirecta e que coñecemos un chisco máis a través dos disparos da cámara de Camille, unha moza de trinta anos que non sabe que camiño seguir e que completa o trío principal de Los equinoccios. As fotografías desta muller, inspirada na figura de Vivian Maier, impulsan unha serie de textos narrativos nos que un narrador omnisciente fala dos sentimentos máis íntimos destas persoas, moitas veces anónimas.

Komic Librería: Los equinoccios

Así mesmo cada unha das estacións vén introducida por unhas cantas páxinas de secuencias mudas nas que vemos escenas da vida dun neno neolítico que terán, malia non semellalo a primeira vista, unha importante trascendencia no conxunto do libro. En contrapunto a estes prólogos prehistóricos temos catro epílogos nos que Camille monologa consigo mesma e que constitúen outra das grandes liñas narrativas da obra.

Komic Librería: Los equinoccios

Todas estas vidas solitarias e grises crúzanse e descrúzanse do outono ao verán, en procuras das que somos testemuñas privilexiadas, e que teñen como pano de fondo común a construción dun aeroporto á que se opoñen parte dos veciños e as agrupacións ecoloxistas, un proxecto do que tamén depende o futuro e a viabilidade económica dalgunhas empresas da zona e que demostra que todo, dalgunha ou outra maneira, o que acontece ao noso arredor remata por ter influencia nas nosas vidas. E tanto ten se somos dentistas ou sacerdotes, ministras ou estudantes, condutores de excavadora ou persoas sen teito, meniñas ou surfeiros: todas e todos podemos vivir os sentimentos de soidade e de incomprensión que aprezamos nos personaxes, polo que resulta imposible non verse tocado no corazón polas súas loitas, erros e acertos. Nin pola luz que transmiten as súas páxinas.

Komic Librería: Los equinoccios

Pois aquí atopamos outra das virtudes de Los equinoccios, na expresividade e importancia que nos diferentes relatos teñen o debuxo e a cor. Á súa inmensa beleza estética únense detalles como que cada estación posúa o seu cromatismo particular, do frío do inverno á incrible explosión de cores da primavera, ou a inmensa variedade de estilos e técnicas que emprega o autor e que volven mostrar o seu carácter de superdotado como ilustrador, mesmo cando se adentra en territorios experimentais.

Komic Librería: Los equinoccios

A abraiante fermosura gráfica e a traballada armazón narrativa teñen como resultado un álbum moi redondo que confirma a Pedrosa como un grande autor, un artista que deixa lonxe as dúbidas e o bloqueo creativo que mostraba o protagonista, claramente autobiográfico, da súa exitosa obra anterior, Portugal, e que tras uns comezos nos que só se adicaba ao debuxo revelouse na última decada como un interesantísimo narrador, cunha liberdade creativa que lle permite recrearse na obra de Virginia Woolf ou escoitar a The Smiths mentras fala de política, relixión, ecoloxía (cunha aparición sorprendente das consecuencias do afundimento do Prestige) ou existencialismo e constrúe unha auténtica obra de arte como son estes equinoccios que estamos encantados de compartir convosco.


Komic Librería: Los equinoccios

Los equinoccios
Cyril Pedrosa

Norma
Tomos: 1