Aquí, de Richard McGuire: unha extraordinaria experiencia co tempo como protagonista

Komic Librería: Aquí


Con sorpresa e fascinación recibimos a chegada de Aquí, unha obra experimental que presenta o paso do tempo, de miles de millóns de anos, a través do mesmo espazo. Un experimento narrativo e gráfico innovador que marca un antes e un despois na novena arte.

Komic Librería: Aquí

O pai do ilustrador norteamericano Richard McGuire tiña o costume de fotografar todos os anos aos seus fillos no mesmo recuncho da súa casa e nas mesmas posturas, e pode que aí nacera o xermolo da idea que o artista desenvolve en Aquí, o rupturista experimento formal recén editado por Salamandra Graphic. Por así dicilo o que nos conta este libro son unha chea de intres distintos acontecidos nun mesmo espazo durante millóns de anos, un plano fixo focalizado nun punto concreto por onde vemos pasar o pasado e o futuro.

Komic Librería: Aquí

Construída a través de 150 páxinas dobres situadas no salón dunha casa neoyorquina esta obra supón a materialización definitiva dun relato de tan só seis páxinas que o propio McGuire publicou no ano 1989 na revista Raw, dirixida por Art Spiegelman e Françoise Mouly, provocando daquela unha auténtica revolución sobre as posibilidades expresivas da banda deseñada. A súa concreción, vinte cinco anos despois, neste libro, conleva avanzar aínda máis nos límites da arte secuencial.

Komic Librería: Aquí

Para comezar na obra aparecen multitude de intres distintos noutros tantos momentos temporais. Este libro non conta unha historia, senón que presenta fragmentos de moitas historias diferentes. Estes retazos pasados (flash-backs) e futuros (flash-forwards) son en ocasións pingas únicas, pero tamén existen aqueles desenvoltos durante tres ou catro viñetas, o que nos permite seguir, ou intuír, a acción narrada. Hai tamén momentos imaxinados (imposible saber exactamente como era ese lugar hai tres mil millóns de anos ou como será dentro de trescentos) nos que o autor xoga coas posibilidades e outros cunha base autobiográfica. Diferentes fíos narrativos entrecruzados no mesmo espazo. Si que hai personaxes aos que vemos aparecer máis dunha vez, pero o protagonista, o único protagonista é o mesmo que o argumento: o tempo. Así de sinxelo e así de complexo.

Komic Librería: Aquí

O seu carácter rupturista, experimental e anovador fai que ingrese nun selecto e interesantísimo grupo de títulos que exploran as fronteiras (se é que existen) da banda deseñada, como 3 Segundos, onde Marc-Antoine Mathieu crea un puzzle narrativo servíndose da viaxe dun fotón de luz durante ese minúsculo anaco de tempo, ou 99 ejercicios de estilo, de Matt Maden, que conta a mesma acción de 99 estilos distintos baseándose no piar da escritura creativa realizado por Raymons Queneau.

Komic Librería: Aquí

Aquí resulta ser unha lectura que constitúe unha experiencia extraordinaria. Precisa da complicidade e da capacidade de atención das súas lectoras e lectores para poder espremer todo o capital evocador que posúe, e outorgarlles o don, limitado a ese espazo en concreto, dunha visión omnímoda.

Komic Librería: Aquí

Todo isto apórtalle unha especial expresividade á idea de como pasa o tempo, e tamén do pequena ou insignificante que resulta a existencia humana comparada coa existencia da Terra como planeta, e, por conseguinte, do lugar que vemos representado ao longo do libro. Como di unha desas grandes e desacougantes verdades: «O mundo seguirá a dar voltas sobre si mesmo cando nós xa non esteamos aquí».


Komic Librería: Aquí

Aquí
Richard McGuire

Salamandra Graphic
Tomos: 1