No me pegues que llevo gafas, de Jorge Monlongo: a parodia da modernidade máis cool
Aínda estamos a rir tras a lectura de No me pegues que llevo gafas, un divertido retrato do mundo hipster, onde o seu autor demostra estar especialmente dotado para sacarlle punta aos estereotipos que acompañan a esta neotribo urbana. Deixade barba, poñede gafas de pasta, remexede no baúl do faiado da casa da vosa avoa para atopar algo de roupa, preparádevos un gin-tonic con profusión de ingredientes e xa estaredes list@s para entrar nas páxinas desta sátira moderna.
Xa tiñamos ganas de recibir en Komic Librería este título, o primeiro álbum monográfico editado en castelán de Jorge Monlongo, un autor que nos cativou hai anos coa serie Distrito Harrigan, publicada na revista El Manglar que editaba Dibbuks. Cun atractivo estilo gráfico e, sobre todo, cun sentido do humor intelixente e divertidísimo, collía moitos dos clixés das series policíacas estadounidenses para contarnos as aventuras dunha peculiar comisaría.
Despois disto adicouse a traballar principalmente para o mercado norteamericano, nas adaptacións comiqueiras de títulos como Vaca y Pollo, Hello Kitty, Mameshiba ou Peabody & Sherman, además de continuar con su interesante carrera como ilustrador. E agora este autor nado en Ribadeo pero afincado en Madrid regresa con esta paródica e esmendrellante «fábula hipster».
O obxectivo principal deste No me pegues que llevo gafas é satirizar unha das «tribos urbanas» aparecidas nos últimos anos e, posiblemente, unha das máis criticadas e incomprendidas: si, efectivamente, falamos dos hipsters, eses seres que visten como se foran os seus bisavós e bisavoas ao tempo que están ao día (e máis alá) das últimas novidades tecnolóxicas e culturais (sempre e canto estas últimas sexan independentes, underground, alternativas ou algún adxectivo semellante).
Vale, esta descrición está chea de estereotipos, recoñecémolo, pero aí está parte do aquel do asunto: é divertido rirse dos estereotipos, e, todo hai que dicilo, hai moitos detalles desta neoespecie humana que dan para facer bos chistes. Ademais non somos antropólogos ou sociólogos… En fin, o caso é que o que Jorge Monlongo fai no seu tebeazo é admirable e non precisamente doado: tomar estes tópicos e construír con eles unha historia disparatada sen caer na repetición, na descalificación ou no mal gusto. Retoma un tema xa tratado noutras obras, por exemplo nos álbumes de Moderna de pueblo, pero dándolle un toque persoal e orixinal.
Deste xeito vainos contar a aventura na que se meten os seus protagonistas, Niña Hipster e Gay en Shorts, cando deciden, no mítico bar Palentino, crear un fanzine. A partires dese momento veremos desfilar polas súas páxinas distintos personaxes, a cada cal máis surrealista pero todos perfectamente cribles, e variadas situacións (unha exposición, un evento fancineiro, un concerto) que o autor aproveita para rir e desenvolver unha serie de gags antolóxicos (os gin-tonics servidos cunha infusión á froid de gónadas de macaco ou a descoberta de que existe vida máis aló dos produtos Apple son realmente memorables).
Aí atopamos nós o gran valor deste libro: ademais de estar moi ben debuxado, cun estilo moderno e dinámico, utiliza con mestría esa gran arma moitas veces mal empregada chamada humor cunha finalidade puramente lúdica, que divertirá sen dúbida aos seus lectores e lectoras, e que fai de No me pegues que llevo gafas unha das obras humorísticas máis divertidas dos últimos tempos.
No me pegues que llevo gafas
Jorge Monlongo
Caramba
Tomos: 1