Tyler Cross #2: Angola, de Fabien Nury e Brüno: un soberbio exemplo de xénero negro
Tyler Cross #2: Angola é unha recomendabilísima mostra do xénero negro ambientado nun cárcere do sur estadounidense. Protagonizada por un tipo duro, Tyler Cross, esta historia de traizóns, fuxidas e vinganza, entra directamente na nómina de álbumes do ano.
Xa levamos tempo a comentar que o xénero negro na banda deseñada atravesa por un interesantísimo momento de esplendor. Raro é o mes que non chegue á librería unha boa obra policíaca, ben sexa un cómic estadounidense ou unha bd franco-belga. Distintos autores e estilos diversos que enriquecen, para ledicia d@s números@s amantes do comic noir, o fondo existente de títulos deste tipo. E dentro das últimas publicacións queremos salientar e falaros do segundo volume de Tyler Cross, un ladrón estereotípico que coñecimos a través de Río Bravo, a súa primeira aventura, editada por Dibbuks en 2014.
Recibímola daquela con entusiasmo, ao atoparnos perante un relato sobrio e clásico (aínda que mesturado co spaguetti-western) protagonizado por Tyler Cross, un ladrón cheo de recursos que se vía involucrado nun turbio asunto de drogas, e cheo de homenaxes e alusións a mitos literarios e cinematográficos do xénero. As súas páxinas cheiraban a Peckinpah e a Tarantino, a Jim Thompson e a James Ellroy, a Richard Stark e a Sergio Leone. E esta era quizais a única péga que lle podiamos poñer a un álbum máis que correcto e recomendable: o exceso de referencias deixaba un aquel de deja vú, como se fora unha peli de Amenábar.
Con Angola, a segunda entrega deste personaxe, o experimentado e prolífico Fabien Nury e o debuxante Brüno (que ao noso ver realiza un dos seus mellores traballos) dan un pasiño máis para achegarnos unha historia carceraria ambientada no presidio do estado de Louisiana que dá título a esta obra. O ritmo, vibrante, un emprego excelente da figura do narrador e unha fabulosa composición das páxinas parten como os principais alicientes da súa lectura, ademais do respecto aos códigos clásicos do xénero.
Desta volta achamos a Tyler na cadea tras saír mal un golpe aparentemente sen risco. No cárcere terá que xogar as súas pezas con intelixencia para sobrevivir e procurar unha saída á súa situación. Á calor abafante do pantanoso sur estadounidense e ás malas condicións do penal súmaselle o prezo que a mafia ten posto sobre a súa cabeza.
En Tyler Cross #2: Angola atopámonos unha boa historia moi ben narrada, cuns personaxes moi ben construídos e que atrapa ao lector ou lectora dende a primeira páxina, e da que destacamos, como comentabamos anteriormente, o excelente traballo gráfico de Brüno, máis impresionista e traballado que noutros álbumes.
Así que xa sabedes, se vos gusta o xénero negro non tedes excusa para non vos achegar a esta historia, e se non é así animámosvos a introduciros no escuro, emocionante e áspero mundo de Tyler Cross.
Tyler Cross #2: Angola
Fabien Nury / Brüno
Dibbuks
Tomos: 1