Max Winson, de Jérémie Moreau: o pracer das cousas que realmente importan

Komic Librería: Max Winson


A publicación da segunda e derradeira parte de Max Winson permítenos aprezar o talento de Jérémie Moreau, un artista a seguir, escritor e debuxante inquedo que, con esta fermosa e orixinal metáfora, reivindica o goce das pequenas cousas fronte ao mercantilismo exacerbado no que vivimos.

Hai dous anos e medio chegou aos nosos andeis un título que recibimos con agradecida sorpresa, El mono de Hartlepool, un divertido relato con base histórica sobre a ignorancia e a estupidez do racismo que rapidamente pasou a ser unha das nosas lecturas predilectas. Nel atopamos un dos textos máis salientables dun guionista veterano, Wilfrid Lupano, e a presentación dun novo valor da bd francesa curtido no mundo da animación, Jérémie Moreau. O seu debuxo resultounos dinámico e conmovedor, aprezamos nel un gran narrador en potencia e, evidentemente, quedamos con ganas de máis.

Pois ben, en abril deste 2015 Dibbuks publicou La tiranía, o primeiro tomo de Max Winson, unha historia en dous volumes escrita e debuxada polo propio Jérémie coa cal nos volveu a sorprender debido á súa temática, centrada no mundo do tenis e baseada na biografía de André Agassi, e que, trala lectura de El intercambio, segunda parte e conclusión, consideramos a confirmación dun artista cun talento tremendo e coas ideas ben claras.

Komic Librería: Max Winson

O seu argumento xira arredor de Max, o mellor tenista da historia, idolatrado polo planeta enteiro, número un mundial dende hai sete anos e que nunca perdeu un partido. Pouco a pouco iremos coñecendo a súa vida, unha burbulla de cristal afastada da realidade e dirixida polo seu pai, tiránico e perfeccionista. Unha burbulla que será cuestionada por Pia, unha xornalista, durante unha polémica entrevista que, en certa medida, mudará por completo a vida do noso protagonista.

Komic Librería: Max Winson

Moreau confronta sabiamente os valores positivos do deporte (compartir, o xogo limpo, o respecto polo rival, o compañerismo, etc.), coa competitividade extrema e o mercantilismo exacerbado e consumista do negocio ligado á práctica deportiva. Co seu proxenitor e co seu padriño, o señor Tyle -director da empresa que comercializa a imaxe de Max-, como principais responsables asistimos a conversión do talentoso atleta nun produto altamente rendible que vive alleo á realidade do mundo.

Komic Librería: Max Winson

Nunha sociedade coma a nosa, na que, coa complicidade esaxerada dos medios de comunicación, idealizamos ata límites absurdos a determinados deportistas e convertimos a competitividade nunha virtude, a aparición dunha obra coma esta, chea de sutileza e ironía, convírtese nunha intelixente crítica, nun relato moi fluído cun final marabilloso que agradecemos enormemente e no que o autor reivindica as cousas sinxelas fronte a megalomanía inherente a moitos deportes (e tamén ao noso estilo de vida).

Komic Librería: Max Winson

E isto aplícao así mesmo ao seu estilo gráfico, empregando un estilo sinxelo, que por momentos roza o minimalismo, pero que posúe unha grande expresividade e unha excelente secuenciación que resulta tremendamente axeitada para narrar esta historia que, xa que logo, vos recomendamos convencidos de que vos vai gustar, entreter e mesmo facer reflexionar sobre as cousas que realmente importan.


Komic Librería: Max Winson 1

Max Winson 1. La tiranía
Jérémie Moreau

Dibbuks
Tomos: 1





Komic Librería: Max Winson 2

Max Winson 2. El intercambio
Jérémie Moreau

Dibbuks
Tomos: 1