Advaita, de Iván Sende: un relato atípico e honesto sobre a procura da espiritualidade

Komic Librería: Advaita


Presentámosvos hoxe a primeira incursión no mundo da banda deseñada do ilustrador vedrés Iván Sende, un relato autobiográfico, atípico e moi honesto sobre a procura da espiritualidade por parte do propio autor.

Despois dun mes a viaxar polo sudeste asiático Iván decide descansar de tantas idas e voltas apuntándose a un retiro de meditación budista, o que resultará ser unha dura experiencia tanto a nivel físico como emocional. Deste xeito dá comezo este autor nado en Vedra á súa primeira novela gráfica tras media ducia de colaboracións como ilustrador dende 2008 e dous libros realizados en solitario publicados en 2008 e 2011. É unha boa e agradable nova darlle a benvida ao noso medio a un mozo tan próximo, e máis se nos sorprende cun moi acertado e atrevido debut. Acertado porque coa súa precisa narrativa demostra que entendeu perfectamente como contarnos a súa experiencia persoal. E atrevido porque a meditación ou a espiritualidade non semellan, a priori, temas de enorme interese para a gran maioría, e polo tanto son de difícil encaixe editorial.

Komic Librería: Advaita

Certo é que a obra funciona tamén coma un libro de viaxes (ademais da súa primeira visita a Tailandia Iván vainos contar unha segunda e terceira viaxe á India), e nese sentido lémbranos aos moi exitosos Pyongyang, Crónicas de Jerusalén ou Crónicas Birmanas de Guy Delisle, pero a sensación final que nos deixa é que o autor pretendía dende o principio describirnos o longo proceso de descoberta e coñecemento do seu «eu» máis íntimo, o que entronca directamente coa confusa Marte ida y vuelta ou a magnífica Majareta.

Komic Librería: Advaita

Hai nestas páxinas o aire fresco (e isto, por suposto, non é premeditado) que se respira cando alguén nos conta algo novo ou descoñecido, como o son para a maioría dos occcidentais as distintas tradicións budistas, as técnicas de meditación ou a combinación destos estudos e coñecementos coa vida cotiá nunha cidade coma a nosa.

Komic Librería: Advaita

O Vedanta é unha das perspectivas do coñecemento indio e Advaita o «apelido» máis coñecido dentro desta doctrina. Advaita significa non-dous e apunta á unidade última de todas as cousas: todo é un. A premisa desta corrente de pensamento parte de que todo sufrimento nace da ignorancia e o descoñecemento do que verdadeiramente somos polo que a finalidade do iniciado será chegar a coñecer a verdadeira natureza do ser. Espertar esta consciencia, ou mellor aínda, que esta consciencia esperte nun é unha aspiración real que non chegará só a través da meditación, senón tamén coa experiencia. E se isto chega a acontecer despois deste espertar aínda quedan por diante outras fases, estabilizarse e establecerse nese coñecemento, algo tan importante como difícil, pero ao mesmo tempo tan interesante como ter chegado ata este punto.

Komic Librería: Advaita

O acerto de Iván Sende, ademais de ter atopado un editor en España e outro que publicará esta obra en inglés, é ter sido quen de materializar a súa experiencia nun relato que nos atrapa, que provoca o noso interese nun tema pouco coñecido e difícil de explicar. Atopámonos ante un autor ao que podemos poñer os cualificativos que máis valoramos nun artista: ambicioso e honesto.


Komic Librería: Advaita

Advaita
Iván Sende

Diábolo Ediciones
Tomos: 1