El rastreador: un thriller de acción que non se esquece facilmente

Komic Librería: El rastreador


Celebramos reincorporar El rastreador aos fondos permanentes de Komic Librería, un título emblemático do que sen lugar a dúbidas é o noso autor xaponés favorito: Jiro Taniguchi.

Komic Librería: El rastreador

Publicado orixinariamente en Xapón no ano 2000 e por primeira vez en España en 2006 da man de Ponent Mon, é reeditado agora reducindo un chisco o tamaño e unha décima parte o seu prezo, algo que é de agradecer nos tempos que corren.

Komic Librería: El rastreador

Jiro Taniguchi afástase en El Rastreador da súa faceta máis metafísica e sensible de obras como Barrio Lejano ou Cielos Radiantes, plantexando un thriller de acción con moita tensión argumental. Empregando escenarios e temas recorrentes en moitos dos seus manga, así como un arquetipo de protagonista que xa nos resulta familiar (un home maduro con moitos principios e moi seguro de si mesmo), o autor dosifica con mestría acción e reflexión á vez que nos mostra dous mundos antagónicos, o que percibimos como unha significativa carga simbólica.

Komic Librería: El rastreador

Takeshi Shiga é un alpinista de elite que dende hai anos vive retirado nun refuxio de montaña que el mesmo administra. Un día recibe unha inquedante chamada dende Tokyo. Yoriko, a esposa dun amigo e compañeiro de escalada, pídelle axuda alarmada pola desaparición da súa filla adolescente Megumi. Shiga acode con urxencia á cidade, síntese obrigado a coidar da seguridade da moza xa que, cando ela tiña tres anos, seu pai morreu conxelado na metade dunha violenta tempestade no Himalaia.

Komic Librería: El rastreador

O noso home da así comezo a unha investigación que o levará dende o colexio de Megumi, onde se entrevista cos seus profesores e compañeiras, ata os barrios de diversión da mocidade urbanita; dende a comisaría, onde fala co policía encargado da investigación, ata os despachos dunha gran corporación porque cara alí o conducen as súas pesquisas. Malia ser un home afouto e de gran enteireza nós, como lectores, sabemos que o tempo apremia e corre na súa contra, e que isto provoca en Shiga unha intranquilidade que se nos contaxia e fai que leamos a obra con avidez agardando que os acontecementos lle sexan favorables, que a balanza se incline ao seu favor e que academos, xunto con el, algo de sosego.

Komic Librería: El rastreador

Por isto, por un desenlace cara arriba no que o noso protagonista terá que someterse tanto física como mentalmente a unha proba que supera os límites do humano, e polo caudaloso torrente de emocións e reflexións que nos provoca, El Rastreador é unha obra que non se esquece facilmente. Nós vos recomendamos que non esquezades este nome: Jiro Taniguchi.


Komic Librería: El rastreador

El rastreador (Nova edición)
Jiro Taniguchi

Ponent Mon
Tomos: 1