Las aventuras de Joselito, el pequeño ruiseñor, de José Pablo García: unha tremenda sorpresa

Las aventuras de Joselito, el pequeño ruiseñor


Esta atípica e sorprendente biografía sobre o neno prodixio da España franquista posteriormente caído en desgraza agocha un auténtico alarde gráfico cheo de atrevemento e orixinalidade, unha vida moi interesante de por si que ademais está contada dun xeito fascinante. Recomendámosvos, pois, a súa lectura, convidándovos a entrar nas súas páxinas sen prexuízos nin ideas preconcebidas.

Las aventuras de Joselito, el pequeño ruiseñor

Porque si, a verdade é que a priori nunca se nos pasara pola cabeza que alguén realizaría unha obra sobre a azarosa vida de Joselito, un personaxe que lembra de máis un país de pandeireta escurecido pola longa noite de pedra do franquismo, e menos aínda que a iamos considerar merecente de falar dela nesta páxina. Se a isto lle sumamos o prólogo do televisivo Jorge Javier Vázquez, cómplice de múltiples enxendros catódicos que non son precisamente do noso agrado, comprenderedes a nosa sorpresa ao atoparnos con esta pequena marabilla. Pero, ai, as apariencias enganan a cotío, e este é un deses casos.

Las aventuras de Joselito, el pequeño ruiseñor

Ademais de construír unha biografía atípica que se le cunha fluidez envexable o malagueño José Pablo García optou por realizar un interesantísimo exercicio de versatilidade atopando unha vía chea de orixinalidade para narrar a sorprendente traxectoria vital de José Jiménez Fernández. Como comentábamos non estamos diante dun exhaustivo ensaio sobre toda a traxectoria vital do neno cantor, senón perante unha compilación de anécdotas –algunhas documentadas, outras interpretadas- especialmente significativas na vida do noso protagonista. Para isto o autor emprega un sinfín de estilos gráficos distintos, convertindo Las aventuras de Joselito nun curioso e atractivo compendio da historia do medio, unha aposta arriscada da que sae claramente gañador. Os pequenos episodios dos que consta cada un dos seus cinco capítulos (con títulos ben clarificadores: Hambre, Éxito, Angola, La Ley e Superviviente) permiten a José Pablo demostrar a súa valentía e experimentar chimpando da escola brugueriana á liña chunga, de pioneiros como Töpffer ou McCay a mitos como Jack Kirby, do manga ao por-art, do underground á tira cómica, mesmo se permite algunha páxina imitando publicidade e libros de texto da época. Todo un catálogo de variantes que emocionará e divertirá enormemente ao público entendido ao tempo que sorprende e fascina ao profano.

Las aventuras de Joselito, el pequeño ruiseñor

Máis alá do seu sorprendente aspecto visual a obra conta con outro punto forte, e é (para a nosa sorpresa, xa que, repetimos, nunca nos atraera excesivamente este personaxe) a rocambolesca peripecia vital de Joselito. Dende a súa pobrísima nenez en Xaén, chea de fame e carencias, ás primeiras mostras da súa excepcional voz, pasando polo seu éxito incontestable, primeiro en Francia, logo en España e no mundo enteiro, ata a súa etapa como cazador en Angola durante a Guerra da Independencia desta antiga colonia portuguesa e os seus problemas coas drogas ao volver á Península, problemas que deron en dúas ocasións cos seus ósos na cadea. A prodixiosa ascensión e posterior caída dalguén que pode ser considerado un estereotipo de neno prodixio utilizado e manipulado, un rapaz cun talento tan grande que foi devorado por el (e polos que o rodeaban, que, como tristemente adoita acontecer nestes casos, andaban a espremer a galiña dos ovos de ouro ata o límite) e que pasou de ser unha figura mundial a desprezado por un país enteiro.

Las aventuras de Joselito, el pequeño ruiseñor

Cómpre salientar tamén a excelente edición a cargo de Reino de Cordelia que, unha vez máis, demostra o seu bo gusto cun libro cheo de extras interesantes. Así que só nos queda desexarvos de novo que vos mergulledes nesta obra sen prexuízos e cos ollos ben abertos.


Las aventuras de Joselito, el pequeño ruiseñor

Las aventuras de Joselito, el pequeño ruiseñor
José Pablo García

Reino de Cordelia
Tomos: 1