Brigada, de Enrique Fernández: un épico espectáculo de fantasía heroica

Komic Librería: Brigada


Co gallo da publicación do segundo tomo da súa serie Brigada recibimos encantados a Enrique Fernández, un dos autores máis interesantes do panorama comiqueiro español actual, que estará a realizar unha xira por Galicia nos vindeiros días e que arribará a Komic Librería o xoves 18 de xuño.

Komic Librería: Brigada

O xénero fantástico de aventuras, que tantas obras inmortais deixou xa na literatura, na banda deseñada ou no cine, acada con Brigada un novo exemplo de excelencia. O seu autor, o catalán Enrique Fernández, chamara a nosa atención coa fermosísima historia de La isla sin sonrisa (Glénat), un dos títulos máis recomendables e recomendados por Komic Librería nos últimos anos, e o seu particular estilo gráfico, poeticamente dinámico, coidadosamente espectacular, seguiu a atraernos nos dous tomos de Los cuentos de la Era de Cobra (Norma).

Komic Librería: Brigada

Embarcouse en 2013 no arriscado proxecto de sacar adiante a obra que hoxe nos ocupa, Brigada, a través dun exitoso micromecenazgo que agora repetiu para este segundo volume cunha tremenda aceptación entre os lectores e lectoras. Esta boa acollida, que sobrepasou as expectativas do propio artista, posibilitou que a obra sexa editada en catro idiomas (francés, inglés, castelán e italiano).

Komic Librería: Brigada

Os protagonistas desta historia son os ananos, elfos negros, bruxas e demais seres fantásticos que habitan un mundo imaxinario ameazado pola destrutora presenza do Voirandeer e a súa néboa. Especialmente a Brigada de Macson, un pelotón de ananos convitos perigosos que recibe unha nova oportunidade baixo as ordes, malia o seu pesar, do veterano capitán Ivro.

Komic Librería: Brigada

Perdidos e disgregados, os compoñente da Brigada procuran as pistas esparexidas por este mundo estraño, pegadas que lles permitirán facer un mapa que os achegue á súa terra. Esta situación, na que distintas razas enfrontadas entre si unen as súas forzas para loitar contra o inimigo común, conlevará un sinfín de intrigas e conspiracións, que neste primeiro volume Enrique Fernández vai presentando aos poucos, multiplicando de xeito moi acertado a tensión narrativa da obra e presentando os diversos fíos argumentais da serie.

Komic Librería: Brigada

Combates épicos, maxia, suspense, moita acción e personaxes sólidos, ademais do sempre excepcional debuxo deste autor, conforman os principais atractivos desta serie que segue os pasos de títulos como La búsqueda del pájaro del tiempo, Bone ou as obras narrativas de Tolkien.

Komic Librería: Brigada

Brigada é un proxecto persoal que nos enche de ledicia ver como avanza, que fará gozar aos amantes do xénero e que vos recomendamos sen dúbida algunha. Ademais, teremos o enormísimo pracer de velo presentado polo seu autor en Komic Librería, o próximo xoves 18 de xuño a partires das 18:00 horas. Agardamos contar coa vosa presenza: non faltedes!


Komic Librería: Brigada

Brigada #1
Enrique Fernández

Autoeditado
Tomos: 1




Komic Librería: Brigada

Brigada #2
Enrique Fernández

Autoeditado
Tomos: 1