Chapuzas de amor, de Jaime Hernández: Pero non comigo

Komic Librería: Chapuzas de amor


En Komic Librería sempre fumos apaixonados admiradores do traballo dos irmáns Hernández, especialmente do de Beto e Jaime. Por momentos máis dun que do outro, e se tiveramos que elixir non saberiamos que dicir. O que si temos claro é que nos últimos anos gustounos máis o que se foi publicando do segundo que do primeiro.

Komic Librería: Chapuzas de amor

Malia que entendemos que esta pode ser unha etapa da súa carreira creativa os últimos libros de Beto, agás Tiempo de canicas, semellan ter perdido coherencia e, na nosa opinión, conteñen excesiva violencia. Pola contra Jaime soubo nutrirse das mellores virtudes que dende o comezo atesorou o seu irmán, os seus personaxes son agora máis humanos ca nunca e emprega as estruturas elípticas cronoloxicamente desordenadas, que tan sabiamente administrou sempre Beto, para mostrarnos segredos e partes ocultas das vidas de moitos personaxes dos que criamos sabelo todo.

Komic Librería: Chapuzas de amor

En Chapuzas de amor, tal e como nos fai presupoñer a portada, é Maggie Chascarrillo, á que un día mentras vivía en Hoppers deixaron de chamar Perla, a pedra angular dos sete relatos aquí recollidos. Verémola máis madura, con máis idade ca nunca, pero tamén con once e trece anos, cándida e tenra mais descubrindo o mundo con ollar de adulta. Verémola con Reno, pero sobre todo con Ray, homes aos que coñece dende nenos e aos que sempre tivo presentes. Homes que, mesmo estando con outras mulleres, non poden deixar de pensar nela.

Komic Librería: Chapuzas de amor

Jaime é quen de revivir no lector sensacións como a excitación provocada polos primeiros bicos ou a dor que se sinte a primeira vez que che rompe o corazón un amor non correspondido. Xoga coa voluptuosidade de Maggie (e coa do resto das súas mulleres), e grazas ao seu perfecto dominio da anatomía feminina isto vainos permitir intuír en que intre da súa azarosa vida nos atopamos.

Komic Librería: Chapuzas de amor

Os que xa lestes aos irmáns Hernández sabedes o que supón mergullarse nos seus universos, torrentes de emocións e paixóns tinguidos en ocasións de traxedia, e sodes conscientes de que ao enfrontarse ás súas obras, como na vida mesma, non se poden rexeitar os inevitables tragos amargos que conleva toda existencia.

Komic Librería: Chapuzas de amor

Non coñecemos ningún outro caso no que un autor teña permanecido, madurado e avellentado cos seus personaxes durante máis de tres décadas mantendo o interese e a frescura, tanto súa como dos seus protagonistas. Non é de estrañar o aluvión de gabanzas que recibiu Jaime por Chapuzas de amor, tanto dos seus colegas como da crítica especializada. Para nós (e dicímolo xa en maio) vai ser o mellor título internacional do ano.


Komic Librería: Chapuzas de amor

Chapuzas de amor
Jaime Hernández

Ediciones La Cúpula
Tomos: 1