El oro y la sangre: aventuras, amizade e idealismo na Guerra do Rif

Komic Librería: El oro y la sangre


Como gozamos coa lectura desta serie que hoxe vos presentamos! Trátase dun magnífico relato de aventuras con trasfondo histórico ambientado na Guerra do Rif, unha obra que conserva o arrecendo clásico do xénero conxugado cunha narración e un debuxo atractivos e modernos. Un título que estará, sen dúbida, entre os imprescindibles deste 2015 no que non deixan de aparecer boas historias.

Komic Librería: El oro y la sangre

O guionista Fabien Nury xa mostrara o seu tino coa ficción histórica en títulos como Érase una vez en Francia ou Atar Güll, e agora acada a súa obra máis redonda con esta tetraloxía (editada aquí en dous tomos dobres) especialmente rechamante. El oro y la sangre reúne moitos aspectos atractivos para o lector ou lectora: unha historia moi ben narrada con moitos dos ingredientes prototípicos do xénero (viaxes, amizade, traizóns, combates, os ideais da liberdade e de loitar por ela, etc.), ambientada nun intre histórico pouco coñecido pero moi interesante (a Guerra do Rif, a revolta das tribos rifeñas contra as potencias coloniais de Francia e España acontecida entre 1921 e 1927) e protagonizada por dous personaxes complementarios e construídos con rigor e acerto. Unha parella que lembra inevitablemente a outros famosos dúos aventureiros, especialmente a Dravot e Carnehan, os personaxes creados por Rudyard Kipking e maxistralmente levados ao cinema por Sean Connery e Michael Caine no mítico filme de John Huston El hombre que pudo reinar.

Komic Librería: El oro y la sangre

O noso relato comeza, pois, nunha trincheira da Primeira Guerra Mundial, onde o soldado voluntario Léon Matilo, un corso amigo da farra e algo baldreu que soña con ser pirata, salva a vida do seu tenente Calixte de Prampéand, aristócrata recto e idealista, e así ficarán unidos de por vida. A súa amizade chegará ao punto de embarcarse xuntos na grande aventura de deixalo todo para convertirse en piratas traficantes de armas, e deste xeito parten cara Marrocos, onde chegarán a ser príncipes do Djebel e colaborar estreitamente co desafío que as tribos montañesas do Rif presentan as potencias francesa e española, que vanse ver na obriga de unir forzas para combatir aos rebeldes. Léon e Calixte, este dúo imposible, e a súa lealdade, resulta ser un dos puntos fortes desta historia, malia os seus encontros e desencontros (especialmente no que respecta á súa implicación na loita idealista da que forman parte).

Komic Librería: El oro y la sangre

Episodios históricos como a batalla de Annual, coñecida coma o desastre pola gran derrota que sufriron as tropas españolas, a declaración da República do Rif, as reunións diplomáticas entre os tres bandos ou o polémico emprego de armas químicas por parte da aviación española, aparecen aquí ben representadas, ao igual que figuras reais da época coma o xeneral Silvestre, o xeneral Pétain, o líder rifeño Abd el-Krim ou certo coronel nado en Ferrol.

Komic Librería: El oro y la sangre

Acompañado de Maurin Defrance na escrita, Nury dosifica sabiamente a trama dotándoa dun ritmo fluído e atraente, o que fai que os anos que os nosos protagonistas pasan en Marrocos semellen un suspiro para nós. E tamén debemos falar do dinámico e expresionista debuxo de Merwan e de Fabien Bedouel, que lle outorga, como xa dixemos, un aquel moderno a este relato de corte clásico e unha posta en escena moi cinematográfica.

Komic Librería: El oro y la sangre

Unha epopeia histórica grandiosa cun agradable aire de aventura e liberdade na que volve acertar Spaceman Books, o selo de ECC Comics para a bd europea, e da que estamos seguros que gozaredes aqueles que vos acheguedes ás súas páxinas.


Komic Librería: El oro y la sangre

El oro y la sangre
Bedouel / Merwan / Defrance / Nury

Spaceman Books
Tomos: 2