Solanin, de Inio Asano: como facerse adulto en Xapón e non perder a ilusión

Komic Librería: Solanin


Solanin é un relato sobre as decisións que nos vemos obrigados a tomar (ou non) para madurar e tamén sobre a importancia de perseguir os nosos soños. Un novo exemplo de manga realista da man dun excelente narrador, un libro moi recomendable, tanto para o público xuvenil como adulto.

Komic Librería: Solanin

Os que nos sentimos atraídos polas historias realistas e tentamos afastarnos de prexuizos sen importarnos por quen están escritas ou protagonizadas teremos que engadira ás nosas listaxes de intereses outro nome propio xaponés: Inio Asano. Descubrímolo hai uns meses cando moita rapazada procuraba na nosa sección de manga La chica a la orilla del mar (Milky Way), unha obra moi rechamante que se esgotou moi rapidamente e que trata sobre a complexa relación dunha parella de adolescentes.

Komic Librería: Solanin

Norma Editorial rescata agora nun único tomo Solanin, publicada orixinalmente en Xapón en 2006. Protagonizada por un grupo de post-universitarios que a duras penas se resignan a encaixar nun mercado laboral alienante e con poucas posibilidades de mellora. Manteñen acesa a pequena chama de ilusión qeu lles proporciona un trío de rock que fundaron ao coñecerse no primerio ano na universidade.

Komic Librería: Solanin

Maiko, protagonista principal, traballa nunha oficina e comparte piso co seu mozo Nauro, que é ilustrador pero aínda sen contrato fixo. Tras case dous anos na empresa, e con algúns aforros na súa conta bancaria, Maiko decide deixar o traballo para tomar a vida máis a modo e pensar no futuro. Isto provoca certa inseguridade en Naruo, e ela, máis impulsiva e decidida, anímalle a tomarse máis en serio a música e o seu grupo.

Komic Librería: Solanin

Inio Asano vainos mostrando o carácter de tódolos personaxes, mesmo os secundarios, con gran naturalidade, sen afectar ao ritmo narrativo, creando situacións cotiás, cómicas, tráxicas e de grande intensidade emocional. Pero sobre todo fainos pensar que se cadra nas sociedades modernas as dúbidas existenciais estean a aparecer en xeracións cada vez máis novas, polo que non é de estrañar que esta obra tocara a fibra sensible de moitos dos seus lectores en Xapón, ata o punto de ser adaptada como película con grande éxito e mesmo como canción.

Temos o convencimento de que este mangaka, tal e como xa fixera Jiro Taniguchi, conseguirá sen dúbida atraer novos lectores ao manga e mudará a idea preconcebida que moitos seguen a ter sobre a banda deseñada nipona no noso país.


Komic Librería: Solanin

Solanin
Inio Asano

Normal Editorial
Tomos: 1