Píldoras azules (Edición ampliada), de Frederik Peeters: a volta dun clásico moderno

Komic Librería: Píldoras azules


Catorce anos despois da súa primeira edición en francés, e once dende que a editora Astiberri o publicara en castelán, volve con nova edición (en cartoné e con dez novas páxinas) un dos títulos máis rechamantes e populares da última década e media na bd europea: Píldoras azules, o marabilloso e conmovedor relato do suízo Frederik Peeters e a súa familia.

Moitas e moitos de vós coñeceredes ou teredes lido esta historia, a primeira obra longa do seu autor. E estaredes de acordo en que é un deses escasos títulos que son tan delicados, tenros e humanos que sempre é un pracer voltar a el. Cóntanos como se inicia e desenvolve a relación entre o propio Frederik Peeters e a súa compañeira Cati, que é, ao igual que o seu fillo de tres anos, seropositiva.

Komic Librería: Píldoras azules

Con esta premisa autobiográfica o suízo reflexiona sobre os seus sentimentos cara a súa parella e o seu fillo, a enfermidade, a vida e a morte, a procura da felicidade, a incerteza do futuro... Sempre empregando as enormes cualidades que posúe como historietista e que o convertiron nun dos nosos autores imprescindibles, unha das debilidades «publicamente secretas» de Komic Librería, como son o seu enorme poder de observación, a súa tremenda capacidade de mesturar realidade e imaxinación, con poderosas evocacións de tintes oníricos moi expresivos, ou o seu magnífico e característico debuxo.

Komic Librería: Píldoras azules

Aos que xa temos unha idade a palabra SIDA segue a resultarnos incómoda, na década dos oitenta e dos noventa estivo tan presente, tan dolorosamente presente, que chegou a ser un tema case tabú, un estigma, mesmo unha sentenza de morte para a persoa diagnosticada con esta grave enfermidade vírica. Esta concepción social semella que foi mudando nestes últimos anos, grazas aos avances médicos que fan que cada vez máis xente conviva co VIH sen desenvolver a SIDA e a unha certa normalización promovida por un maior coñecemento entre a poboación.

Komic Librería: Píldoras azules

Pero Píldoras azules non nos fala simplemente de como é convivir coa enfermidade hoxe en día, senón que tamén, e sobre todo, trata sobre unha fermosa historia de amor. Poucas declaracións amorosas resultan tan conmovedoras como a exposta entre as páxinas 91 e 99 deste grandísimo libro que no seu momento foi tamén un acto de valentía, ao tratar un tema tan espiñento con honestidade, sinceridade, agradecidas doses de humor e ironía e unha sorprendete madurez (Peeters tiña 27 anos no momento de realizar esta obra).

Komic Librería: Píldoras azules

E así o percibimos en dúas das páxinas inéditas que inclúe esta nova edición, un post scriptum no que a parella Cati-Frederik comentan as súas dúbidas ante a inminente publicación da súa historia no afastado 2001. O resto de follas novas están feitas no 2014 e nelas, de maneira moi sútil, Peeters presenta o que este libro significou para a súa familia ao tempo que os seus protagonistas falan da súa situación actual.

Así que, ben como relectura, ben se é a primeira vez que vos achegades a ela, recomendámosvos unha vez máis esta marabilla que non pode evitar deixar un pouso de bonhomía e esperanza nos seus lectores.

Benvidos de novo, Frederik e Cati. E graciñas mil.


Komic Librería: Píldoras azules

Píldoras azules (Edición ampliada)
Frederik Peeters

Astiberri
Tomos: 1