A deserción de Stalin: un divertido debut na Guerra Fría

Komic Librería: A deserción de Stalin


Sempre é un pracer darlle a benvida a unha nova voz dentro do panorama da bd galega contemporánea, e máis aínda se procede dun komiqueiro ao que coñecemos dende hai tempo e que ademais chega editado pola nosa aprezada Demo Editorial. Tomás Guerrero, ilustrador e animador, presenta nestes días A deserción de Stalin, o seu divertido debut no mundo da novela gráfica, estrea coa que a editora coruñesa estende o seu catálogo de autores e xéneros, xa que estamos ante unha historia de espías nos comezos da Guerra Fría, un relato de segredos e intrigas a través da lente do humor e a retranca.

Komic Librería: A deserción de Stalin

O narrador é un veterano axente pertencente ao MI6, a axencia de intelixencia exterior do Reino Unido, que vai rememorar connosco os seus anos de experiencia no servizo secreto, cando a tensión entre o bloque occidental-capitalista e o bloque oriental-comunista estaba no seu intre máis álxido.

Komic Librería: A deserción de Stalin

E vaise deter especialmente nun caso, unha misión levada a cabo nos anos cincuenta e que tivo como protagonista ao mesmísimo Iosif Stalin, líder da Unión Soviética durante case trinta anos. Segundo o noso anfitrión, un dos Derradeiros Cabaleiros da Guerra Fría, a morte en 1953 do controvertido político xeorxiano non foi tal, senón unha argucia preparada para tapar a súa deserción.

Komic Librería: A deserción de Stalin

Con este atractivo plantexamento, ben documentado (o pasamento de Stalin, oficialmente por unha hemorraxia cerebral, segue a ser sospeitoso para algúns sectores, mesmo hoxe en día), Tomás opta por unha vía irónica no canto de realista, e cóntanos esta ucronía hipotética con moito xeito e bo ritmo. Por así dicilo no mundo que se nos presenta nas súas case cincuenta páxinas ten máis cabida o Inspector Clouseau que James Bond.

Komic Librería: A deserción de Stalin

Se ben o debuxo non é o máis salientable da obra (malia cumprir co seu cometido á perfección), as numerosas chispas do guión e unha excelente secuenciación fan de A deserción de Stalin unha lectura moi áxil e divertida á que só lle poñemos unha pega, e é que nos deixa con ganas de máis...

Komic Librería: A deserción de Stalin

Aproveitamos para comentarvos que o venres 27 de marzo, a partir das 18:00 horas, Tomás Guerrero nos visitará en Komic Librería para presentar por primeira vez a súa ópera prima. Esperamos contar coa vosa presenza, e tamén que esta estupenda historia vos guste e vos divirta tanto como a nós.


Komic Librería: A deserción de StalinA deserción de Stalin
Tomás Guerrero

Demo Editorial
Tomos: 1