El árabe del futuro, de Riad Sattouf, ou como vivir en tres continentes cando eres neno

Komic Librería: El árabe del futuro


Riad Sattouf, un dos autores que máis nos gustaron nos últimos anos, volve con El árabe del futuro, cómic gañador do premio á mellor obra no Festival de Angoulême, e primeiro dunha triloxía autobiográfica onde nos conta a súa nenez entre Francia, Libia e Siria nos primeiros anos oitenta.

Komic Librería: El árabe del futuro

Cando hai sete anos chegou a Komic Librería o primeiro tomo de La vida secreta de los jóvenes (La Cúpula) chamounos especialmente a atención o gran poder de observación de Riad Sattouf. Neste libro recollíanse diversas situacións observadas ou escoitadas polo autor na súa vida cotiá e publicadas semanalmente na (agora tristemente célebre) publicación satírica Charlie Hebdo. Un par de anos despois, desta volta da man de Norma e co prestixio de ter acadado o premio á mellor obra do Festival de Angoulême, aterraba nos nosos andeis Pascal Brutal, unha divertidísima parodia da masculinidade con sutiles pingas de crítica social onde, de novo, era notable esa capacidade para fixarse nos pequenos detalles e contalos cunha gran economía de medios. Os seus álbumes posteriores, e mesmo as súas incursións cinematográficas, confirmáronnos que estabamos diante dun historietista a seguir, polo que agora, unha vez máis, recibimos cos brazos abertos o seu novo libro, El árabe del futuro (Salamandra), o primeiro dunha triloxía que hai mes e medio volveu gañar a prestixiosa Fauve d'Or de Angoulême.

Komic Librería: El árabe del futuro

Ademais de resultarnos por si mesmo interesante como autor, nesta nova obra Sattouf mestura dous xéneros especialmente atractivos: fálanos doutras realidades sociais e ao mesmo tempo lembra a súa propia nenez, cun esquema que recorda a outro título capital, Persépole, pero cun menor dramatismo e máis humor. Nado en 1978, de pai sirio e nai bretona, os primeiros anos de Riad transcorreron entre Francia, Libia e Siria. Cómpre salientar que daquela estes dous países árabes eran ditaduras socialistas aliadas coa Unión Soviética no contexto da Guerra Fría, gobernadas por dous líderes mesiánicos como Gadafi e Hafez al-Asad. A esta situación política témoslle que sumar as naturais e rechamantes diferenzas culturais, sociais e relixiosas. Evidentemente eran entornos ben distintos da Francia dos primeiros anos oitenta. E a mirada do Riad neno, un querubín de guedellas loiras que non agochaban a súa orixe europea, resulta enormemente efectiva á hora de aprezar as contradicións e as incongruencias da sociedade dos adultos, ben sexa en Trípoli, en Ter Maaleh ou na Bretaña.

Komic Librería: El árabe del futuro

Especial protagonismo, xa dende o título, ten o seu proxenitor, un home procedente dunha familia sunita moi humilde, un profesor universitario formado en Europa pero que ao sentirse infravalorado decide exercer en países árabes. Malia ser un home interesado no panarabismo progresista cae unha e outra vez en incoherencias entre a súa teórica maneira de pensar e o xeito real de actuar. Mostra especial preocupación pola educación do seu fillo, para el «o árabe du futuro» é o que vai á escola e se educa para sobrevivir nunhas sociedades moi marcadas por tradicións sociais e crenzas relixiosas que ás veces resultan arcaicas e mesmo absurdas. Unha vez máis, a inocente pero crítica ollada infantil resulta unha perspectiva perfecta para observar todo isto.

Komic Librería: El árabe del futuro

Co seu característico debuxo sinxelo e moi claro narrativamente Sattouf lévanos dun país a outro co seu particular humor, unha memoria prodixiosa e un intelixente emprego da cor que facilita inconscientemente a lectura. Todo o álbum está construído en bitono, que varía dependendo do lugar no que se desenvolve a acción (amarelo en Libia, azul en Francia, rosa en Siria, mesmo verde nunha pequena incursión ás illas anglo-normandas de Jersey...). Outra mostra do bo narrador que é este autor, xa convertido nun dos máis importantes da bd francesa contemporánea.

Komic Librería: El árabe del futuro

En definitiva, estamos perante un dos títulos máis importantes deste 2015, unha obra que gustará e interesará a todo tipo de público, e que agardamos vos resulte tan boa lectura coma a nós.


Komic Librería: El árabe del futuro

El árabe del futuro
Riad Sattouf

Salamandra
Tomos: 1

Ver trailer